Un dos grandes ámbitos de traballo do CITIC é o ámbito docente, que, segundo o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, é un dos sectores clave na revolución tecnolóxica asociada á Intelixencia Artificial. Neste punto o centro coruñés foi quen de reforzar o seu papel internacional na creación de novas iniciativas educativas e na colaboración para desenvolver currículos avanzados en IA.
O investigador do CITIC, Francisco Bellas, profesor de programación, robótica autónoma e aprendizaxe automática en diversos graos e mestrados da UDC, é ademais membro do comité de expertos en educación sobre IA da Xunta de Galicia, onde contribúe ao desenvolvemento de políticas e estratexias educativas. Actualmente, Francisco Bellas participa nun proxecto da Universidade de Qatar titulado Desenvolvemento dun marco educativo de intelixencia artificial (IA) baseado en evidencia: un estudo exploratorio dos resultados, experiencias, competencias e eficiencia dos docentes dos estudantes de secundaria.
Este proxecto, cunha duración de tres anos e financiado polo Consello de Innovación e Desenvolvemento de Investigación de Qatar, ten como obxectivo desenvolver un marco curricular de IA para as escolas secundarias do país asiático. O proxecto foi concedido ao profesor Zubair Ahmad da Universidade de Qatar e está integrado por catro investigadores locais e dous colaboradores internacionais, entre os que se atopa Francisco Bellas.
Nos seis primeiros meses do proxecto, presentouse o primeiro conxunto de instrumentos de recompilación de evidencias e realizouse unha proba piloto, cuxos datos están a ser analizados na actualidade. Durante este período, o investigador principal da iniciativa, Zubair Ahmad, visitou en dúas ocasións o CITIC da UDC co obxectivo de elaborar conxuntamente con Francisco Bellas os instrumentos de recompilación de datos.
Comprender a tecnoloxía, primeiro paso

Francisco Bellas tamén é recoñecido polo seu traballo no proxecto europeo AI , recentemente finalizado e coordinado pola UDC. Este proxecto desenvolveu e probou un conxunto de unidades didácticas para estudantes de Bacharelato, conformando un plan de estudos piloto de confianza e viable que foi introducido no ensino regrado dos centros europeos participantes desde o curso 2023/24.
Co traballo realizado en proxectos como AI e a súa participación en iniciativas internacionais, Francisco Bellas e o CITIC posiciónanse á vangarda da educación en Intelixencia Artificial, “un reto que debe ser afrontado con rigor e responsabilidade”, conclúe o centro TIC da UDC.

