Google vén de lanzar Search Live, unha nova funcionalidade que permite manter conversas por voz coa busca de Google a través das aplicacións móbiles para Android e iOS. Está dispoñible de momento nos Estados Unidos para os usuarios inscritos no experimento AI Mode de Google Labs.
A novidade permite realizar consultas por voz de xeito fluído e continuar a conversa con novas preguntas sen interromper o fluxo. Por exemplo, podes preguntar «Que podo facer para que un vestido de liño non se engurre na maleta?» e recibirás unha resposta en audio xerada por intelixencia artificial. Podes continuar cunha segunda pregunta, como «E se aínda así se engurra?», sen necesidade de repetir o contexto.
As respostas inclúen ligazóns a contidos relevantes da web e, grazas á funcionalidade de transcrición, tamén se poden consultar en formato textual e seguir a conversa por escrito. Outra das vantaxes é que Search Live funciona en segundo plano, o que permite continuar a conversa mentres se usan outras aplicacións.
Esta ferramenta baséase nunha versión personalizada do modelo Gemini con capacidades avanzadas de voz, integrada cos sistemas de información de Google Search. Ademais, emprega a técnica query fan-out para ofrecer unha maior diversidade de fontes e respostas enriquecidas desde a web.
Os usuarios que activen o modo experimental AI Mode verán unha nova icona baixo a barra de busca para acceder directamente a esta funcionalidade. Google xa anunciou que nas vindeiras semanas incorporará máis capacidades a Search Live, incluída a posibilidade de empregar a cámara para facer consultas visuais en tempo real. Polo momento descoñécese cando chegarán estas novas funcións a España.
Vídeo de demostración de uso da nova función de busca por voz en vivo
