A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, presidiu hoxe o pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, que agrupa 16 entidades co obxectivo de impulsar este ámbito e reforzar o posicionamento de Galicia na investigación en tecnoloxías cuánticas, así como fomentar a súa incorporación por parte do tecido empresarial. Durante a sesión, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional iniciou o proceso de recollida de achegas para definir, da man doutros axentes, unha futura convocatoria de axudas centrada nas tecnoloxías profundas, incluída a cuántica, que verá a luz en 2026.
No encontro tamén se abordou o avance dos traballos dos comités executivos en funcionamento, así como os próximos eventos previstos en Galicia relacionados con este ámbito. Actualmente están activos o comité de hardware e software cuántico, coordinado polo centro tecnolóxico Gradiant, e o comité de aplicación das tecnoloxías cuánticas, liderado polo hub de innovación dixital DIHGIGAL.
Entre as vindeiras citas promovidas pola Rede destaca o foro Construíndo ecosistemas de impacto en cuántica, previsto para finais de setembro, e a presentación dos resultados do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas, que terá lugar a comezos de novembro.
Ademais, analizouse a posibilidade de participar na convocatoria europea de Vales de Innovación Rexionais, dentro dos Ecosistemas Europeos de Innovación do programa WIDERA. Esta liña de apoio prevé financiar entre cinco e seis proxectos co propósito de fortalecer os axentes de innovación na UE, acelerando o desenvolvemento e a implantación de solucións innovadoras que dean resposta aos desafíos máis urxentes de Europa.
A Xunta de Galicia comeza a definir a futura convocatoria de I+D+i en tecnoloxías profundas
Compartir Este Artigo
