A Universidade de Vigo compartiu os detalles de dúas plataformas que empregan o uso de xogos para que o alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e universitario acade competencias de precisión e fluidez na pronuncia do inglés. Trátase das ferramentas e-SoundWay (English Pronunciation Sounds on the Way of St. James) e e-Profun (English Pronunciation is Fun), desenvolvidas por investigadores/as dos grupos de Enxeñaría de Equipos Electrónicos, Laboratorio de Redes (atlanTTic) da UVigo e Discurso e Identidade da USC, contando ademais no caso de e-SoundWay coa participación das universidades Autónoma de Madrid, Málaga, UNIR e UNED.
“A nosa contribución atópase no deseño e desenvolvemento tecnolóxico de ambas plataformas así como da súa proposta de gamificación (unha técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo-profesional co fin de acadar mellores resultados)”, explican os docentes e investigadores da UVigo Carlos López Ardao e Alfonso Lago Ferreiro en relación coas súas achegas ás plataformas, que aseguran son o “resultado dun proceso colaborativo entre a filoloxía, a educación e a tecnoloxía”.
e-SoundWay, pílulas de adestramento fonético e pronuncia ambientadas no Camiño

“A experiencia enriquécese coa guía virtual Patience e con outros 15 personaxes históricos que achegan consellos, lendas, anécdotas en inglés, galego e castelán. Ademais incorpora oito acentos diferentes do inglés e música tradicional galega, ofrecendo unha contorna de aprendizaxe única, inmersiva e intercultural”, detalla Lago, investigador principal do proxecto, xunto á catedrática de Filoloxía Inglesa da USC, María de los Ángeles Gómez González.
O software da ferramenta xa foi rexistrado no Rexistro da Propiedade Intelectual o 7 de marzo de 2025, mentres que o seu manual, que fora rexistrado o 11 de febreiro, está en proceso de publicación por parte do Servizo de Publicacións da UVigo. “Unha vez publicado, co manual poderase descargar a ferramenta de xeito gratuíto mediante un código QR de forma”, explica Lago.
e-ProFun, a pronuncia en inglés é divertida
Unha vintena de investigadores e investigadoras da UVigo e da USC, encabezados por Carlos López Ardao e Alfonso Lago e por María de los Ángeles Gómez e Fernando Fraga, respectivamente participaron no desenvolvemento de e-ProFun, unha plataforma web deseñada co obxectivo de mellorar a pronuncia do inglés no alumnado de primaria. “É unha plataforma alegre, igualitaria, de acceso aberto e sostible, que mellora ademais da pronuncia do inglés, a conciencia fonolóxica, a comprensión intercultural e a competencia dixital dos novos estudantes hispano-falantes de inglés para que poidan comunicarse de xeito eficaz dentro e fóra das aulas”, explica López Ardao.
Os contidos da plataforma baséanse na investigación e axústanse ás normas básicas comúns no ensino e a aprendizaxe do inglés en contornas dixitais, combinando os coñecementos da fonética, a pedagoxía e a didáctica do inglés cos avances dixitais disruptivos, que proporcionan Intelixencia Artificial e os videoxogos, de conformidade co argumento da UNESCA de que a despregadura das tecnoloxías de IA na educación debe ter como obxectivo mellorar as capacidades humanas, protexer os dereitos humanos e contribuír ao desenvolvemento sostible.
“Unha achega clave de e-ProFun é a introdución da fonética e a avaliación da pronuncia nos máis pequenos, así como o emprego da IA para a xeración automática de exercicios, o que permite practicar determinados tipos de competencias e habilidades sen que se repitan as palabras, frases, etc…, detalla López Ardao. A ferramenta que xa está practicamente rematada, conta ademais cunha versión beta, que xa funciona correctamente.

