O Goberno de Redondela informou da retirada da web fraudulenta sobre turismo do concello. O departamento de Novas Tecnoloxías revisara esta páxina, que, segundo fontes do Consistorio, contiña máis dun 80% de contidos erróneos ou falsos e “cunha imaxe moi semellante á da páxina oficial de Turismo do Concello de Redondela”.
As denuncias realizadas polo departamento municipal de Novas Tecnoloxías ante os organismos oficiais obtiveron o resultado desexado. O Concello agradeceu a retirada da web, que “viña provocando prexuízos a Redondela e á súa veciñanza, e sobre todo aos turistas e peregrinos que visitan a vila”, advertiu a alcaldesa, Digna Rivas. A web, que podería estar creada con IA, xa foi denunciada ante os organismos públicos para que sexa retirada.
Estaba operativa no sitio www.turismoredondela.es.
O Concello recoñeceu que tivo coñecemento da existencia desta web o pasado mes de xullo e o departamento de Novas Tecnoloxías revisou o seu contido de xeito exhaustivo. “Comprobamos que nunha porcentaxe superior ao 80% os contidos da web son erróneos ou falsos”, sinalaron dende o Concello, engadindo que na páxina “faise referencia a lugares que non se atopan no municipio de Redondela, como o templo de San Benito, o Sendeiro das Greas ou a praia de Loureiro”.
Engaden que a web contiña tamén fotografías “cuxas imaxes non se corresponden coa información á que fan referencia”. A páxina viña ofrecendo tamén información de establecementos de hostalaría que non existen neste municipio “e así a gran maioría dos recursos turísticos que ofrecía a páxina, que non se axustaba para nada á realidade”, sinalara a alcaldesa Digna Rivas.
Este verán o Concello comunicou este feito aos organismos públicos para a retirada da páxina de Internet, tanto ao CCN (Centro Criptográfico Nacional), como ao INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade), a AEPD (Axencia de Protección de Datos) e aos Servizo Ciberseguridade Acordo Marco ( Amtega – Xunta de Galicia)
Tamén se comunicou a Google esta situación dende o Concello de Redondela para dar conta desta situación, xa que esta páxina viña aparecendo como segunda opción neste buscador, por detrás da web oficial de turismo do Concello de Redondela.
Retirada a web fraudulenta sobre turismo de Redondela
Compartir Este Artigo

