Esta fin de semana Terrasa acolle as Xornadas Nacionais de Podcasting (JPOD) organizadas pola Asociación Podcast, que nesta ocasión ábrense ás linguas cooficiais do Estado, e no caso da lingua galega a representación recae en Carlos Vieito, todo un activista a prol da nosa lingua, que tivo unha grande implicación na galeguización de Twitter e Bluesky, e que en 2021 fundou o Exército Mekemeke, podcast que estará presente na sala Talleres das JPOD o vindeiro domingo ás 9:00 horas, participación que poderá seguirse en directo a través de YouTube.
O Exército Mekemeke é un podcast en galego encabezado por Carlos Vieito, Miguel G. Abad e Lidia Veiga, que nas súas intervencións combinan humor, cultura e lecer, sempre con referencias xeracionais que conectan tanto coas audiencias mozas como coas nostálxicas, ao abordar temáticas que van dende a cultura bravú ata o Xabarín Club, pasando por videoxogos, música e series dos anos 90 e 2000. Tamén realizan algunhas entrevistas e mesmo gravacións en vivo, como a correspondente a edición de 2024 do Carballo Interplay. Cómpre salientar que este ano o traballo do Exército Mekemeke recibiu o recoñecemento dos Premios Youtubeiras+ na categoría de canle de YouTube. Todo un exemplo de creación dixital en galego, que semella máis que axeitado para representar a nosa lingua no encontro de referencia do mundo do podcasting español.
A participación do Exército Mekemeke nas JPOD poderá seguirse en directo a través de YouTube

