
Este sábado, 23 de maio, ás 20 horas, (IN)VISUAL pechará a súa primeira edición coa actuación do colectivo galego MIL111, que presentarán en vivo a súa creación Sen título 0.1.
Información ben importante é a de que as entradas para este último concerto live AV de (IN)VISUAL están xa esgotadas.
Indo ao concerto deste sábado, Sen título 0.1 é unha experiencia audiovisual de MIL111 que propón un espazo de encontro entre o suxeito e o seu reflexo. Na peza, as imaxes, os sons e os silencios funcionan como fragmentos que cada visitante debe artellar desde a súa propia experiencia, memoria e desexo: formas abstractas, cores en transición e paisaxes sonoras mínimas constrúen unha narrativa aberta coa estrutura dunha meditación. A pantalla represéntase como un significante: unha superficie aberta que non contén un significado fixo, senón que agarda ser interpretada.
En canto ao grupo MIL111, dicir que é un dúo artístico formado polos artistas visuais Iria del Bosque e Borja Bernárdez. O seu traballo sitúase no eido da arte dos novos medios e reflexiona sobre os procesos emocionais e cognitivos do ser humano desde unha perspectiva metafísica evolutiva.
A entrada ás experiencias de (IN)VISUAL é de balde, sendo preciso realizar un depósito de 5 euros por tícket no momento da súa adquisición a través da plataforma Ataquilla.com que será devolto posteriormente (no caso do concerto deste sábado, 23 de maio, lembrar que as entradas están esgotadas).
O público poderá acudir ao recinto polos seus propios medios ou facer uso do servizo de autobús que a organización do ciclo porá á súa disposición. Neste último caso, a recollida realizarase cada sábado na rúa Juan Flórez, nº 10, contra ás 19 horas. A apertura de portas está fixada ás 19.30 horas. Unha vez no recinto, antes do comezo do show, terá lugar una breve contextualización na Cidade das TIC. De 20 a 21.15 horas, desenvolverase a experiencia, en formato show & talk. Ás 21.30 horas, o público que faga uso do autobús estará de volta en Juan Flórez, nº 10.
Remata o ciclo (IN)VISUAL cun concerto audiovisual no CEI a cargo do colectivo MIL111
Compartir Este Artigo

