A produtora galega CTV deu un novo paso no desenvolvemento de Password, a súa próxima serie de ficción, tras rematar a rodaxe do teaser co que iniciará a procura de socios e financiamento tanto no mercado estatal como no internacional.
O proxecto chega a esta nova fase despois de recibir en 2025 a axuda ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais da AGADIC e de acumular varios recoñecementos en foros especializados. Entre eles figuran os premios Acorde, Serial Killer e New Art, obtidos no mercado internacional Conecta Fiction, celebrado en Cuenca.
Estes galardóns inclúen unha licenza musical para o capítulo piloto e a primeira tempada, unha invitación para presentar a serie no Serial Killer International Series Festival da República Checa e un paquete de servizos de posprodución valorado en 25.000 euros. Segundo destacou CTV tras recibir estas distincións, supoñen «un recoñecemento moi importante» para reforzar as negociacións de coprodución xa iniciadas e incrementar as posibilidades de chegar a plataformas de vídeo baixo demanda e operadores audiovisuais nacionais e internacionais.
Con Password, CTV continúa a súa aposta pola ficción orixinal con proxección internacional. A produtora, responsable de títulos como O sabor das Margaridas e Motel Valkirias, impulsa unha serie antolóxica de seis episodios de 25 minutos que aborda cuestións como a soidade, os celos, o dó ou a identidade na era dixital.
A proposta explora o impacto da tecnoloxía nas relacións persoais a través dun elemento cotián: os contrasinais. Cada episodio presenta protagonistas que se enfrontan a dilemas e conflitos desencadeados por unha combinación de letras e números, convertida no punto de partida de historias sobre chantaxes en Internet, o avance do alzhéimer, infidelidades ou a obsesión polos gústames nas redes sociais.
A dirección da serie recae en Lucía Estévez, que coordina todos os episodios e dirixe un deles. A cineasta participou previamente en producións como Weiss y Morales e Los argonautas y la moneda de oro, mentres desenvolve a súa primeira longametraxe, As defensas.
A creación da serie corre a cargo de Ghaleb Jaber Martínez xunto con Ashling Ocampo e Belén Puime, dúas das voces emerxentes do audiovisual galego, responsables de traballos como La casa de la abuela, premiada no OUFF, e Pringadas.
Como adianto do proxecto, o teaser recentemente rodado conta coa participación da actriz Isabel Naveira, coñecida polos seus papeis en Clanes, Fariña, Mareas Vivas, Matalobos e Serramoura.
A sinopse presenta Password como unha serie emocional que reflexiona sobre como a tecnoloxía, lonxe de protexer a intimidade, converte os segredos persoais en auténticas bombas a piques de estoupar. «Unha vez que inicies sesión, non hai volta atrás», resume a proposta.
CTV prepara unha serie que xira ao redor dos contrasinais
Compartir Este Artigo
