O fiscal xeral de California, Rob Bonta, encabezou unha coalición de 12 fiscais xerais estatais que presentou unha demanda para impedir a adquisición de Warner Bros. Discovery por parte de Paramount Skydance, unha operación valorada nuns 110.000 millóns de dólares. Ademais de California, participan na demanda Arizona, Colorado, Connecticut, Massachusetts, Minnesota, Nevada, Nova Jersey, Novo México, Nova York, Oregón e Washington.
A acción xudicial sostén que a fusión vulneraría a lexislación antimonopolio dos Estados Unidos ao reducir de maneira substancial a competencia nos mercados do cine e da televisión, contradicindo a abraiante resolución do Departamento de Xustiza dos EE.UU., que na súa investigación aseguraba que a fusión non prexudicaría a competencia nin aos consumidores.
A demanda, presentada ante o Tribunal Federal do Distrito Norte de California, argumenta que a integración das dúas empresas eliminaría a competencia entre dous dos cinco principais distribuidores cinematográficos de Hollywood e entre dous dos cinco maiores propietarios de canles de televisión por cable básica. Segundo os demandantes, a nova entidade controlaría preto dun terzo da distribución cinematográfica en salas nos EE.UU. e unha proporción similar da programación de televisión por cable básica.
Os fiscais xerais solicitaron ás empresas que non completen a operación ata que remate o proceso xudicial. No caso de que non acepten esa petición, anuncian que pedirán unha orde xudicial temporal para paralizar a fusión.
Bonta afirmou que a operación provocaría «prezos máis altos, menor calidade e menos contidos» tanto para o cinema como para a televisión, ademais de prexudicar as salas de exhibición, os operadores de televisión de pago e, finalmente, os espectadores. Tamén advertiu de que unha maior concentración reduciría as oportunidades para desenvolver novas historias e diminuiría a diversidade de perspectivas dispoñibles para o público.
A demanda lembra que Warner Bros. e Paramount levan máis dun século competindo como estudios independentes e destaca o seu catálogo de producións. Paramount distribuíu títulos como Titanic, Braveheart, e O Padriño, ademais de sagas como Top Gun e Transformers. Warner Bros. conta con películas como Barbie, Casablanca e Matrix, así como franquías como Batman, Harry Potter e O Señor dos Aneis. Entre os seus activos televisivos figuran canles e contidos como CNN, MTV, HGTV, Cartoon Network, Nickelodeon, March Madness e as retransmisións da Major League Baseball.
A coalición considera que a operación incumpre a sección 7 da Lei Clayton, que prohibe as fusións susceptibles de reducir substancialmente a competencia ou favorecer a creación dun monopolio.
Segundo a demanda, a fusión afectaría especialmente a tres mercados. No da distribución cinematográfica de grande estrea, a empresa resultante concentraría arredor do 27 % do mercado, mentres que só tres distribuidoras controlarían o 75 % das grandes estreas. No segmento das producións de maior recadación prevista, o novo grupo superaría o 30 % da cota de mercado e catro empresas acumularían máis do 90 % das superproducións. No mercado das licenzas de canles de televisión por cable básica, Warner Bros. e Paramount sumarían tamén arredor do 27 % da actividade.
Os fiscais sosteñen que a competencia actual entre ambas as compañías beneficia tanto ás salas de cine como aos operadores de televisión de pago, xa que lles permite negociar mellores condicións económicas e favorece o investimento en novos contidos. Coa desaparición desa rivalidade, aseguran, aumentarían os prezos, reduciríase a variedade da oferta audiovisual e podería verse afectada a exhibición cinematográfica.
California lidera unha demanda para bloquear a fusión entre Warner Bros. e Paramount
Compartir Este Artigo

