Os responsables das tecnoloxías que fan posible unha web aberta déronse cita na Coruña

13 Min de Lectura
13 Min de Lectura
rego-20.jpg

O recinto de PALEXCO na Coruña acolleu entre os días 15 e 17 de xuño unha nova edición do Web Engines Hackfest, un encontro que xuntou a unha parte significativa da comunidade internacional responsable das tecnoloxías que sustentan a web. No encontro discutíronse temas como a accesibilidade, a seguridade, a gobernanza, a interoperabilidade dos navegadores e mesmo a intelixencia artificial na web, que centraron tanto relatorios como sesións colaborativas. Para saber máis deste evento falamos cun dos seus coordinadores, Manuel Rego, de Igalia, compañía responsable de que unha xuntanza desta magnitude teña lugar en Galicia.

hackfest-14.jpg

Podes comentarnos que levou a Igalia a organizar o primeiro Hackfest en 2009 e como foi evolucionando o proxecto ata o seu formato actual?
— Por aqueles días Igalia estaba traballando no navegador web do proxecto GNOME (Epiphany), que orixinalmente empregaba Gecko (o motor de renderizado de Mozilla Firefox), pero debido a limitacións para adaptalo as necesidades do proxecto, tomouse a decisión de migrar a WebKit (que daquela era o motor de Google Chrome e Safari). Como había moito traballo por facer, e a comunidade era pequena, xurdiu a idea de organizar un encontro de desenvolvedores na oficina de Igalia na Coruña, chamado “WebKitGTK+ Coruña Hackfest 2009”, 12 persoas que estiveron traballando xuntos durante unha semana no proxecto. Desde aquel momento, cada ano fomos repetindo o evento, cada vez con máis éxito de asistencia; comezaron a participar desenvolvedores de outros motores web, no só xente traballando en WebKitGTK+, é en 2014 cambiamos o nome do evento a “Web Engines Hackfest”, invitando membros doutras comunidades. O evento non deixou de medrar, e nesta última edición rondamos os 160 participantes incluíndo desenvolvedores dos proxectos e empresas máis relevantes: Apple, Google, Microsoft, Mozilla, W3C, …

rego-19.jpg

Como temos que ver este tipo de encontros? Como unha alternativa ou como un complemento a estruturas de estandarización máis formais?
— A idea principal do Web Engines Hackfest é proporcionar un espazo os desenvolvedores dos diferentes motores web, para poder traballar xuntos durante uns días, discutir sobre diferentes propostas, e axudar a atopar acordos que ás veces son complicados nas comunicacións virtuais. É non só os motores web, o Hackfest tamén se está a converter nun punto de encontro doutros proxectos e comunidades arredor da plataforma web, e que non teñen tanta representación nas organización de estándares, por exemplo vemos un pulo de sesións por parte de asistentes máis relacionados co ecosistema de JavaScript (runtimes, xestores de paquetes, etc.). Realmente é máis ben un complemento a outros eventos, como a TPAC do W3C, a principal diferencia é que neste caso a maioría dos participantes son contribuidores activos nos diferentes proxectos da plataforma web, ademais de participar nos procesos de estandarización.

O impacto na comunidade global de desenvolvemento web deste tipo de encontros enténdese que é evidente pero, ten tamén algunha influencia no ámbito local? Conseguides atraer talento a este ámbito tan específico?
— Hoxe en día estase a converter nunha mini TPAC, na que se poden discutir e mover moitos temas, grazas a participación de desenvolvedores relevantes de moitos proxectos. Sobre o impacto local, estase convertendo nun evento popular neste ámbito; traer máis de 100 persoas de todo ó mundo ata aquí ten un impacto económico directo, pero tamén posiciona A Coruña e Galicia como un referente internacional para a Web. Por outro lado, temos sempre participación de xente próxima, que poden ver de preto por uns días como se debaten e deciden as novas funcionalidades da Web. Pode que veñan máis en tema curiosidade, e con gañas de aprender e coñecer outros participantes. Tamén temos algúns estudantes que se achegan xa que están traballando en temas relacionados nos seus proxectos universitarios.

hackfest-07.jpg

O Hackfest ten un formato híbrido. Tras a pandemia enténdese como unha obriga este tipo de opción pero, podemos dicir xa que a presencialidade recuperou o pulo de antes? Ou a participación remota é xa irrenunciable neste tipo de encontros?
— Realmente a experiencia presencial é insubstituíble, en calquera destes eventos non é o mesmo o que pasa cando podes asistir en persoa que de forma remota. As pequenas conversas durante unha pausa, ou na comida, son ás veces máis importantes que algunhas das sesións oficiais. Seguimos proporcionando a posibilidade de participar en remoto, xa que sabemos que non todo o mundo pode asistir, e nalgunhas sesións son lideradas por persoas que asisten remotamente.

rego-18-2.jpg

Como é que unha compañía afastada de Silicon Valley pode ter influencia nos navegadores web que usamos a diario?
— Todo comezou fai case dúas décadas, Igalia decidiu entrar no mundo dos navegadores web e os seus motores de renderizado (a peza que entende o HTML, CSS e JavaScript para logo pintar algo nas nosas pantallas), inicialmente coma un investimento de futuro, e pouco a pouco traballando con múltiples empresas internacionais na mellora e evolución dos mesmos. Realmente o noso código está en todos os navegadores, que usamos a diario, consciente e inconscientemente (como cando vemos o tempo no ascensor do edificio, ou acendemos unha Smart TV). Despois de todo este tempo, Igalia é unha marca recoñecida na plataforma web, temos desenvolvedores que ocupa posicións relevantes nas diferentes comunidades, e tamén participamos na elaboración dos estándares. Hoxe en día cerca dun 60-70% do traballo de Igalia está relacionado coa plataforma web no seu conxunto.

Tras uns anos con grande diversidade nos motores web, agora dá a impresión de que Google e Apple conseguiron monopolizar esta tecnoloxía. Podemos ter esperanza nos desenvolvemento independentes dos xigantes tecnolóxicos?
— A historia da web e os navegadores sempre pasou por momentos que parecían destinados ó monopolio, durante uns anos Internet Explorer era o dominador, logo viu Mozilla Firefox, e agora estamos nos tempos de Google Chrome, salvo en iOS onde só se pode empregar Safari. É imposible adiviñar que vai pasar, pero os estándares abertos nos que se basea a web, permiten que existan alternativas e poida darse algún outro cambio no futuro.

rego-21.jpg

Aparte dos navegadores web e de escritorio, os motores web están en moitos outros lugares, o que fai que sexan unha peza fundamental da tecnoloxía actual. Poderías ilustrarnos sobre iso e sobre a necesidade de contar con solucións libres?
— Realmente, como xa comentei antes brevemente, os motores webs están en todos os lados, xa que as tecnoloxías webs son moi populares e empréganse en múltiples dispositivos. Por suposto calquera teléfono móbil, no que moitas aplicacións empregan tecnoloxía web, aínda que non o saibamos; pero tamén na maioría das pantallas que vemos a diario, por exemplo, a pantalla para sacar a cita do médico, calquera pantalla con información ou publicidade que atopemos pola rúa, o reloxo intelixente, a pantalla do robot de cociña; incluso en aparellos que non teñen pantalla, como altofalantes, ás veces se empregan motores web para xestionar temas de audio nos mesmos.

Entre os participantes no encontro, había moita preocupación sobre o impacto da intelixencia artificial nas tecnoloxías web? Cara onde van os traballos actuais: fomentar a interacción con axentes de IA ou establecer proteccións fronte a sistemas automatizados?
— Todo o tema da IA é moi candente estes días, e con opinións moi variadas sobre o seu uso potencial e o impacto de cara ó futuro. No evento tivemos unha sesión que fala de como a IA encareceu moito o prezo da memoria RAM e discos duros (polas grande demanda das empresas detrás da IA) e como os navegadores web teñen que facer optimizacións para funcionar de forma adecuada en dispositivos menos potentes que os que había fai uns anos, é a primeira vez que se frea a evolución nestes aspectos. Tamén houbo unha presentación sobre WebNN que busca permitir executar tarefas da IA máis rápido nos navegadores web. O ano pasado tivemos outra charla, que falaba das novas funcionalidades propostas para poder empregar IA directamente nos navegadores (para traducións, correccións de textos, etc.). Hai moita experimentación estes días ó redor da IA, que por suposto tamén afecta a plataforma web, nos vindeiros anos veremos como evoluciona todo isto.

rego-17.jpg

Estamos moi lonxe de que as propias intelixencias artificiais se executen directamente no propio navegador web?
— Realmente algunhas das propostas que menciono na pregunta anterior buscan permitir este tipo de cousas. Dende ter forma de integrar todo e proporcionar unha mellor experiencia de usuario, ata permitir acceso ao hardware máis especializado para executar tarefas da IA de forma máis rápida no propio navegador, o que se coñece como Edge AI, do que WebNN é unha peza fundamental para empregar a IA nos propios dispositivos.

Para rematar, poderías comentarnos o que destacarías da presente edición do Web Engines Hackfest? Algunha temática ou algún desenvolvemento sobre o que existe unha atención especial ou sobre a que haberá que colocar o punto de mira?
— Difícil pregunta… Hai moitas cousas que destacar do evento, para min o máis importante é os participantes no mesmo, e todas as sesións de traballo que se organizan durante eses días, tendo a posibilidade de traballar ao carón dos principais desenvolvedores. É moi difícil escoller un tema, a seguridade e a privacidade son cousas que sempre se discuten neste tipo de eventos, hoxe en día cada vez adícanse máis recursos para facer os navegadores máis seguros, e algúns deles intentan tratar do mellor xeito a privacidade dos seus usuarios (aínda que non pasa en tódolos casos). Outro asunto que ocupou varias sesións nesta edición é o chamado Cyber Resilience Act (CRA), unha nova lexislación da Unión Europea que trata de mellorar a seguridade dos produtos que incorporan elementos dixitais, e que obriga aos fabricantes a melloralos e corrixir os seus problemas durante o ciclo de vida dos mesmos. Isto ten implicacións e impacto non só na distribución dos navegadores web, pero tamén en todos os proxectos de software libre que son parte de produtos que se vendan na UE.

Últimos números da nosa edición impresa

Shelf Wood

Outras novas populares

Compartir Este Artigo
Código Cero
Privacidade

Este sitio web emprega cookies para ofrecer a mellor experiencia posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e permite realizar funcións como recoñecelo cando volve visitar o sitio web e axudar o noso equipo a comprender que seccións lle resultan máis interesantes e útiles.