Esta mañá a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia presentou na Comisión Permanente de Control do Parlamento de Galicia a Memoria de Servizo Público correspondente ao exercicio 2025, un documento que certifica a consolidación da transformación da CRTVG na CSAG como un ecosistema audiovisual público adaptado ao consumo multimedia, ás novas tecnoloxías e á evolución dos hábitos da cidadanía.
A memoria recolle un exercicio marcado pola entrada en vigor da Lei 1/2025 de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital e pola constitución da nova CSAG. Segundo a directora xeral, Concepción Pombo, este cambio «vai máis alá da denominación institucional e responde á evolución do servizo público audiovisual cara a un modelo integrado, capaz de producir, distribuír e medir contidos en todas as plataformas relevantes para a sociedade galega».
Innovación e tecnoloxía como piares da nova Corporación
A memoria pon o foco na modernización das infraestruturas e dos sistemas de produción e distribución. Entre os principais fitos de 2025 figura o lanzamento de TVG-UHD, a primeira canle autonómica española en Ultra Alta Definición a través da TDT, xunto co desenvolvemento de proxectos de intelixencia artificial, subtitulado automático, sistemas de recomendación intelixente, tecnoloxías inmersivas XR e ferramentas de análise avanzada de audiencias como o DataHub de Konodrac.
Motor da industria audiovisual galega
O documento reafirma o papel da CSAG como principal impulsora da produción audiovisual en galego mediante a contratación de produción independente, coproducións e colaboración co tecido empresarial galego ao longo de 2025, favorecendo a creación de emprego cualificado, a innovación e a internacionalización do sector.
No plano económico e da xestión, a Corporación pechou o seu décimo sétimo exercicio consecutivo con superávit, mantivo estabilizado o cadro de persoal e, tras completar os procesos de consolidación e regularizar as ofertas públicas de emprego, rexistrou o menor índice de litixiosidade laboral da última década.
Máis de 1.000 millóns de reproducións e consolidación do liderado dixital
A memoria reflicte tamén o avance da estratexia dixital da CSAG. Durante 2025, os contidos da Corporación superaron os 1.000 millóns de reproducións e os 48 millóns de interaccións nas redes sociais, situando a entidade entre os principais operadores públicos estatais no ámbito dixital. O 85 % dos accesos prodúcense xa desde dispositivos móbiles e máis do 90 % do consumo da OTT realízase en televisores conectados e mediante HbbTV.
G24.gal consolidouse como a principal referencia informativa audiovisual en galego no ámbito dixital, con preto de dous millóns de usuarios, unhas cifras de récord que xa quedaron superadas polo forte crecemento rexistrado durante o primeiro semestre de 2026.
Radio Galega: máis podcasts, máis audio dixital e novos públicos
Na presentación da memoria, a directora xeral tamén salientou a evolución da Radio Galega cara a un modelo de audio dixital baseado no podcast, no consumo baixo demanda e na distribución multimedia. Ademais, indicou que a plataforma AGalegaAudio.gal ampliou a súa oferta de contidos especializados, reforzando a presenza do galego no ámbito dixital.
A Memoria de Servizo Público conclúe que a CSAG afronta esta nova etapa como unha organización sólida, saneada e preparada para os desafíos da próxima década, mantendo como eixes a promoción da lingua galega, a innovación, a cohesión territorial e a prestación dun servizo público audiovisual de calidade.
