
Esta mañá o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolleu o acto de presentación da proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), un documento que recolle preto de 700 medidas chamadas a orientar as políticas lingüísticas da vindeira década. O texto incorpora por primeira vez un amplo conxunto de actuacións centradas no ámbito tecnolóxico, coa intención de reforzar a presenza do galego na intelixencia artificial, no software, nas plataformas dixitais e nas tecnoloxías da linguaxe.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, deu a coñecer o documento nun acto ao que asistiron preto de 800 persoas e no que destacou que a revisión do plan responde á necesidade de adaptarse á evolución social e demográfica de Galicia, así como aos novos espazos de relación creados polo ecosistema dixital. Segundo explicou, o texto é froito dun proceso participativo no que interviñeron máis de 130 expertos distribuídos en once comisións de traballo, con máis de 400 contactos mantidos e arredor de 1.400 achegas.

A proposta, coordinada polo académico Manuel González, foi remitida ao Parlamento de Galicia para abrir unha fase de diálogo cos grupos políticos, coa intención de buscar un consenso arredor das futuras políticas lingüísticas.

Durante o acto de presentación o propio González explicou os cambios sociais que motivaron á elaboración da actualización do Plan, salientado detalles como a multiplicación dos medios de comunicación que deixa o galego nunha posición de clara inferioridade (por exemplo, cando se publicou o anterior Plan en 2004 a TVG só competía con 5 canles de televisión en aberto e coa TDT, aínda que agora a Galega tamén conte cunha segunda canle, o número de canles en español é proporcionalmente moi superior). Tamén dedicou unhas palabras ao impacto que están a ter as redes sociais, e incluso a posición de desvantaxe que ten a nosa lingua no eido das tecnoloxías da linguaxe e en ámbitos como a intelixencia artificial.

O documento presentado hoxe contempla medidas para incrementar a presenza do galego nas plataformas e aplicacións tecnolóxicas, impulsar actividades de dinamización nos centros educativos e estudar futuras modificacións normativas sempre que exista consenso.

Entre as iniciativas anunciadas figuran tamén a creación dun selo para empresas que acrediten o uso do galego, un servizo lingüístico específico no Sergas, a adaptación ao galego do sistema procesual Atenea, o impulso dunha futura Lei da Lingua que complemente a Lei de Normalización Lingüística de 1983 e a posible creación do Consello Social da Lingua Galega e dun instituto encargado da proxección internacional da lingua e da cultura galegas.
A tecnoloxía convértese nun dos eixes do novo plan

O ámbito dixital constitúe unha das novidades máis relevantes da actualización do PXNLG. O documento considera estratéxico garantir que o galego poida empregarse con normalidade nas tecnoloxías emerxentes e propón medidas dirixidas tanto ás administracións públicas como ás empresas desenvolvedoras de software e servizos dixitais.

Entre as actuacións previstas figura o fortalecemento das tecnoloxías da linguaxe e da intelixencia artificial en galego mediante o impulso do Proxecto Nós e da creación de novos recursos lingüísticos que permitan adestrar modelos de IA máis precisos. O plan tamén aposta por incrementar a dispoñibilidade de corpus, dicionarios, ferramentas de procesamento da linguaxe natural e interfaces de programación (API) que faciliten a integración do galego en aplicacións e servizos dixitais.

A proposta recolle igualmente medidas para favorecer que sistemas operativos, aplicacións móbiles, asistentes virtuais, plataformas de videoconferencia, ferramentas colaborativas, solucións de domótica e dispositivos conectados incorporen interfaces completas en galego. Tamén se prevé promover acordos con fabricantes e empresas tecnolóxicas para ampliar a oferta de produtos localizados na lingua propia.
Outro dos obxectivos consiste en impulsar a presenza do galego nos servizos de streaming, nas redes sociais, nos videoxogos e nas plataformas audiovisuais, tanto mediante ferramentas de localización como fomentando a creación de contidos e de comunidades dixitais que empreguen habitualmente a lingua galega.

O documento tamén propón introducir cláusulas que favorezan o uso do galego na contratación pública de solucións tecnolóxicas, incentivar a utilización do dominio .gal, facilitar a dispoñibilidade de software libre localizado e crear mecanismos estables de colaboración co tecido empresarial e cos grupos de investigación especializados en tecnoloxías da linguaxe. As medidas inclúen tamén a difusión de boas prácticas e o apoio á innovación empresarial vinculada á lingua.
Reacción da Mesa pola Normalización Lingüística

A presentación do documento recibiu unha resposta moi crítica por parte da Mesa pola Normalización Lingüística, que considera que o Goberno galego acelerou a súa publicación «con meses de retraso, estivalidade e aleivosía» para «tentar arrefriar a mobilización a favor do idioma».
O presidente da entidade, Marcos Maceira, sostén que a Xunta actúa condicionada polas mobilizacións impulsadas por Queremos Galego e critica que o anuncio chegue despois da presentación da iniciativa Lingua Vital, apoiada por centos de colectivos sociais.
A Mesa considera que resulta contraditorio presentar un novo plan mentres, segundo denuncia, continúan vixentes políticas como o decreto lingüístico do ensino, as dificultades para empregar o galego en determinados programas informáticos da Administración, a falta de esixencia de coñecementos de galego a parte do persoal público ou a ausencia de cambios lexislativos que garantan o dereito efectivo a vivir en galego.
A entidade defende que o primeiro obxectivo do Plan Xeral aprobado en 2004, garantir a posibilidade de vivir plenamente en galego, continúa plenamente vixente e acusa o Executivo autonómico de non aplicar durante máis de dúas décadas boa parte das medidas acordadas por unanimidade. Neste contexto, anuncia que continuará impulsando a iniciativa lexislativa popular Lingua Vital, prevista para setembro, co propósito de dotar de rango legal aos compromisos recollidos no plan de normalización.
