A Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) abriu unha convocatoria dirixida ás produtoras audiovisuais para seleccionar a que será a primeira longametraxe de ficción coproducida de maneira conxunta polas televisións públicas autonómicas integradas na entidade. A iniciativa pretende reforzar a colaboración entre os operadores rexionais e impulsar a industria cinematográfica estatal.
A convocatoria está aberta a produtoras externas e contempla a selección dun único proxecto de ficción cunha duración de entre 90 e 120 minutos. Quedan excluídos os documentais, as producións de animación e os proxectos experimentais. A obra deberá contar cun orzamento mínimo de 2 millóns de euros.
Na avaliación das propostas valorarase especialmente a capacidade da historia para conectar cun público interxeracional e a súa adecuación para unha futura emisión televisiva en horario de máxima audiencia. Ademais, en liña co compromiso de FORTA coa diversidade lingüística, o proxecto deberá presentarse na súa versión orixinal e tamén nas demais linguas oficiais ou recoñecidas estatutariamente nas comunidades autónomas representadas na federación.
As solicitudes poderán presentarse entre o 17 de xullo e o 30 de outubro a través da páxina web de FORTA.
O presidente de FORTA e director xeral de À Punt, Paco Aura, destacou a relevancia desta iniciativa ao afirmar: «Esta colaboración é un gran paso adiante para FORTA e para o noso sector audiovisual. Por primeira vez, unimos recursos para impulsar unha longametraxe de ficción que fortalece a industria e promove a nosa riqueza lingüística e cultural».
As televisións autonómicas españolas queren coproducir un filme conxuntamente
Compartir Este Artigo
