Un tribunal federal de San Francisco aprobou o acordo de 1.500 millóns de dólares alcanzado entre Anthropic e un amplo grupo de escritores que demandaran a empresa por utilizar copias pirateadas das súas obras para adestrar os modelos de linguaxe Claude. Trátase dun dos maiores acordos xudiciais relacionados coa propiedade intelectual e a intelixencia artificial nos EE.UU.
A demanda fora presentada en 2024 por varios autores, que acusaban Anthropic de empregar millóns de libros obtidos de forma ilícita para desenvolver os seus modelos de IA. O xuíz William Alsup, encargado inicialmente do caso, determinara que o uso das obras para o adestramento dos modelos podía considerarse uso lexítimo (fair use) segundo a lexislación estadounidense. Con todo, tamén concluíu que a empresa vulnerara os dereitos de autor ao almacenar nunha biblioteca central arredor de 7 millóns de libros pirateados.
Alsup rexeitara un primeiro acordo en setembro do ano pasado ao considerar que as súas condicións prexudicaban os autores e deixaban sen resolver numerosas cuestións. Tras esa decisión, Anthropic puxo en marcha un sitio web específico para o proceso de compensación, no que os escritores poden comprobar se as súas obras están incluídas entre as máis de 480.000 afectadas polo acordo.
A xuíza Araceli Martínez-Olguín, que asumiu a tramitación do procedemento tras a xubilación de Alsup, validou agora os termos revisados do pacto. Segundo o acordo, os autores recibirán aproximadamente 3.000 dólares por cada obra incluída, mentres que Anthropic deberá destruír todas as copias pirateadas dos libros que conservaba.
Non todos os demandantes aceptaron as condicións. Algúns autores consideraron insuficiente a contía das indemnizacións e optaron por quedar fóra do acordo colectivo para presentar demandas individuais contra Anthropic.
O acordo entre Anthropic e un grupo de escritores consegue a aprobación xudicial
Compartir Este Artigo
