O Clúster do Audiovisual Galego abriu a convocatoria de proxectos para participar na 20ª edición do I+P, Ideas para Producir, o foro profesional dedicado á presentación de propostas de cine e televisión que buscan financiamento, coprodución, venda ou distribución, para o que están as bases dispoñibles para a súa consulta. O encontro celebrarase os días 26 e 27 de novembro no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Coruña, e volverá reunir representantes da industria audiovisual para facilitar o contacto entre creadores e potenciais socios.
Ao longo das súas dúas décadas de traxectoria, o I+P contribuíu ao impulso de máis de 300 proxectos audiovisuais, favorecendo a creación de novas producións e de alianzas profesionais que fortaleceron o sector.
A convocatoria está dirixida a produtores, guionistas e directores con proxectos en fase de desenvolvemento interesados en atopar financiamento, coprodutores, distribuidores ou compradores. Poderán presentarse longametraxes, series e miniseries de ficción, animación e documental, así como programas de televisión e outros formatos de entretemento.
Un comité de expertos seleccionará 18 proxectos para participar nesta edición. Os seus responsables presentarán as propostas o 27 de novembro mediante sesións de pitching diante de responsables de adquisición, produción e investimento do sector audiovisual. Tras estas presentacións desenvolveranse reunións individuais entre os participantes e posibles socios, un dos elementos centrais do foro para favorecer acordos profesionais.
O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2026 ás 14:00 horas. A relación de proxectos seleccionados publicarase na páxina web do Clúster do Audiovisual Galego.
A organización manterá tamén a colaboración coa Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e coa Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), o que permitirá aos membros destas entidades participar nas sesións de pitching en condicións preferentes.
As empresas pertencentes a calquera dos clústeres audiovisuais integrados na Red Española de Clústeres Audiovisuales (REDCAU) tamén poderán acceder a descontos especiais para participar no encontro.
O I+P, Ideas para Producir está organizado polo Clúster do Audiovisual Galego co apoio da Deputación da Coruña, o patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración de Pedralonga Estudios, CREA, AGAG, Music Library & SFX e Gadisa.
O I+P, Ideas para Producir, abre a convocatoria para a súa 20ª edición
Compartir Este Artigo
