A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) impuxo sancións a tres usuarios de especial relevancia (UER), coñecidos popularmente como influentes, por incumpriren distintas obrigas recollidas na Lei Xeral de Comunicación Audiovisual nos contidos difundidos a través de plataformas de vídeo e redes sociais.
Os expedientes refírense á falta de identificación clara das comunicacións comerciais, á ausencia de medidas axeitadas para protexer os menores e á difusión de publicidade de medicamentos sen cumprir os requisitos específicos establecidos pola normativa.
No caso de Ibai Llanos, a CNMC considera acreditado que varios vídeos publicados na rede social X incluían a promoción dunha marca de bebidas durante a presentación dos artistas de La Velada sen unha sinalización suficiente que permitise distinguir con claridade entre o contido editorial e a comunicación comercial. O organismo regulador lembra que esta identificación resulta especialmente relevante cando a promoción dun produto ou dunha marca está integrada no propio contido, xa que os espectadores deben poder recoñecer facilmente cando están ante publicidade.
Outro dos expedientes afecta a Jordi Wild por contidos publicados en YouTube a través das canles @ElRinconDeGiorgio e @dwt_fighting relacionados co evento Dogfight Wild Tournament. A resolución conclúe que determinados vídeos de combates de contacto extremo deberían contar cunha cualificación e advertencias específicas, ademais de activar as ferramentas dispoñibles na plataforma para restrinxir o acceso dos menores. Segundo a CNMC, a ausencia desa cualificación reduce a eficacia dos sistemas de control paterno, que dependen dunha correcta identificación dos contidos para funcionar.
A terceira sanción corresponde a Nachter pola difusión de comunicacións comerciais sobre medicamentos antigripais nos seus perfís de Instagram e Facebook. A CNMC entende que esas publicacións non respectaban as obrigas aplicables á publicidade de medicamentos, que esixen identificar claramente o carácter publicitario da mensaxe, ofrecer a información esencial para un uso correcto do produto e incorporar advertencias como a recomendación de ler o prospecto ou consultar o farmacéutico en caso de dúbidas. O regulador lembra que estas esixencias teñen como finalidade protexer os consumidores e evitar un uso inadecuado dos medicamentos.
A CNMC subliña que as obrigas dos usuarios de especial relevancia non dependen exclusivamente da plataforma utilizada para difundir os contidos. Quen comercializan publicidade ou publican materiais potencialmente prexudiciais para menores deben actuar coa dilixencia propia dunha actividade profesional e coñecer a normativa aplicable. O obxectivo da regulación é garantir a protección dos consumidores, especialmente dos menores, e asegurar que a audiencia poida distinguir con claridade entre información, entretemento e publicidade.
As tres resolucións consideran acreditadas infraccións graves do artigo 158.31 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. As sancións impostas ascenden a 710 euros para Ibai Llanos (reducidos a 568 euros por pagamento anticipado), 1.543,44 euros para Jordi Wild (reducidos a 1.241,95 euros) e 1.779,94 euros para Nachter (reducidos a 1.067,96 euros tras o recoñecemento da responsabilidade e o pagamento anticipado).
As resolucións foron aprobadas pola Sala de Supervisión Regulamentaria da CNMC o pasado 18 de xuño e contan co voto particular dun dos conselleiros.
Sen efecto disuasorio
Cómpre salientar que as resolucións da CNMC contaron co voto particular do conselleiro Carlos Aguilar Paredes, que en todos os casos considerou que as sancións eran ridículas, destacando o feito de que a lexislación recolle que «o establecemento de sancións pecuniarias deberá prever que a comisión das infraccións tipificadas non resulte máis beneficioso para o infractor que o cumprimento das normas infrinxidas». Considera así que a redución das sancións dende un máximo de 30 mil euros a incluso menos de mil euros deixa sen contido o principio de proporcionalidade e fai que as sancións queden sen o efecto disuasorio perseguido.

