
Un equipo interdisciplinar da Universidade de Santiago participa no proxecto internacional GENDEII (Gender & DEI Indicators for European and Latin-American Technological Companies and Related Training Strategies), que promover estratexias de diversidade, equidade e inclusión (DEI) e a transversalización da perspectiva de xénero no sector tecnolóxico.
O proxecto foi seleccionado con puntuación de excelencia nunha convocatoria altamente competitiva do programa Horizonte Europa da Unión Europea no marco das accións Marie Skłodowska-Curie Staff Exchanges (MSCA-SE). Nesta convocatoria participaron máis de 360 propostas a nivel mundial, e o proxecto recibirá preto de 2 millóns de euros.
A iniciativa reúne 24 institucións de Europa e América Latina (entre universidades, empresas e organizacións da sociedade civil) e involucra máis de 100 persoas investigadoras, especialistas e referentes institucionais de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, España, Italia, Perú, Portugal e Uruguai, e está liderado pola Universidade de Córdoba (España).
A proposta da USC no proxecto GENDEII foi desenvolvida polo equipo do CIFEX, cuxo labor, segundo informou a Universidade de Santiago, “resultou fundamental para a súa preparación e consecución”.
Traballaron na iniciativa Jorge García Marín, Eva Aguayo Lorenzo, Paula Vázquez Rodríguez, Eva Cernadas García, Aixa Permuy Martínez e Eva López Barrio.
Durante catro anos, GENDEII traballará con empresas tecnolóxicas no deseño de indicadores e ferramentas para fortalecer culturas organizativas inclusivas, mellorar a xestión do talento diverso e acompañar procesos de innovación con perspectiva de xénero e diversidade. O proxecto abordará desafíos crecentes do sector tecnolóxico relacionados coa atracción e retención de talento, as desigualdades no acceso e desenvolvemento profesional e o impacto dos nesgos presentes en determinados sistemas de intelixencia artificial utilizados en procesos de selección e recrutamento.
A USC informa que “a proposta non só se centra na inclusión laboral, senón tamén na creación de condicións organizativas que favorezan o desenvolvemento profesional, evitando formas de segregación mediante un enfoque integral que inclúe a accesibilidade e unha análise crítica do uso da intelixencia artificial”.
Entre os seus principais resultados, GENDEII desenvolverá un Manual de Indicadores de Xénero e DEI para empresas tecnolóxicas e un programa internacional de formación dirixido a liderados e equipos corporativos. Estes recursos deseñaranse con base en evidencias científicas e a través do traballo colaborativo con colectivos infrarrepresentados no ámbito laboral: mulleres, persoas LGBTI+, persoas migrantes, persoas con discapacidade, persoas autistas e neurodiverxentes, minorías relixiosas e persoas racializadas, entre outros.
Ao seu enfoque intersectorial súmase unha clara vocación interdisciplinaria, coa participación de especialistas en Psicoloxía, Educación, Enxeñaría Civil, Dereito, Economía, Socioloxía, Ciencia Política, Antropoloxía, Comunicación, Ciencias da Computación, Artes e Xestión Empresarial.

