
O Consello da Xunta autorizou esta mañá a licitación dos servizos de evolución e actualización dos módulos que integran a historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde, cun investimento de 8.570.575 euros, co obxectivo de consolidar a transformación dixital do sistema sanitario galego. O contrato terá unha duración inicial de 36 meses e poderá prorrogarse ata dous anos máis.
Esta actuación, integrada na Estratexia de transformación dixital do sistema sanitario público galego e cofinanciada polo Programa FEDER Galicia 2021-2027, alcanza un valor estimado de 13 millóns de euros se se inclúen as posibles prórrogas.
O proxecto permitirá continuar coa modernización da plataforma corporativa IANUS e avanzar no despregue de IANUS 5, a nova versión que se implantará en todo o Servizo Galego de Saúde.
A plataforma consolidarase como o contorno tecnolóxico común para os profesionais dos centros de saúde e hospitais galegos, facilitando unha visión unificada da información clínica dos pacientes e favorecendo unha asistencia máis coordinada, continua e segura. A integración dos distintos módulos nunha única plataforma tamén contribuirá a simplificar os procesos asistenciais e mellorar a interoperabilidade entre sistemas.
Entre as novidades previstas figura a incorporación de ferramentas baseadas en intelixencia artificial para apoiar a toma de decisións clínicas. A partir da información recollida na historia clínica, o persoal sanitario poderá visualizar, avaliar e identificar con maior axilidade o estado de saúde dos pacientes.
O contrato tamén permitirá continuar coa integración progresiva da información xenómica nos procesos asistenciais, o que facilitará, entre outras aplicacións, a selección dos tratamentos farmacolóxicos máis axeitados para cada paciente.
A actualización dos módulos reforzará ademais os modelos de seguimento remoto mediante dispositivos conectados, ampliando tanto o número de dispositivos compatibles con estándares clínicos como as variables que se incorporarán automaticamente á historia clínica.
Tamén se desenvolverán novas funcionalidades para mellorar a relación dixital da cidadanía co sistema sanitario. Entre elas destaca a posibilidade de habilitar conversacións por chat entre médico e paciente cando o profesional o considere oportuno, unha opción que ata o de agora estaba limitada aos pacientes incluídos en programas de telemonitorización.
O novo contrato permitirá igualmente reforzar a integración e o intercambio de información clínica tanto no ámbito autonómico como co Sistema Nacional de Saúde e cos restantes países da Unión Europea, consolidando IANUS 5 como eixo da transformación dixital da sanidade pública galega.
A Xunta subliña que esta iniciativa reforza a súa aposta por unha sanidade máis innovadora, accesible e eficiente, apoiada nas novas tecnoloxías e orientada a ofrecer unha asistencia máis personalizada e de maior calidade.
Paralelamente, o Goberno galego continúa coa tramitación do anteproxecto de Lei de transformación dixital do sistema público de saúde, unha norma coa que pretende actualizar tecnoloxicamente o sistema sanitario galego, mellorar a xestión dos datos clínicos e regular o uso da intelixencia artificial neste ámbito.
