
Comezamos o mes co anuncio por parte de Sony da morte dos xogos en disco para consolas PlayStation a partires do 1 de xaneiro de 2028, provocando a ira dun grupo de usuarios moi activo na Rede, que declarou a guerra a Sony, manifestándose en contra da súa decisión contra os dereitos dos consumidores (xa que elimina o préstamo e a venda de segunda man de xogos), ata o punto de que cada comunicación de PlayStation recibe milleiros de comentarios que, en vez de falar do contido publicado, diríxense unicamente á defensa dos xogos en disco.

Nestas semanas xuntaron preto de 350 mil sinaturas nunha petición a Sony para que reconsidere a morte dos xogos en disco, e agora levan este activismo un paso máis aló e convocan unha especie de folga entre o 23 e o 30 de agosto, días nos que instan aos xogadores a desconectar as súas consolas e non dar sinais na PlayStation Network durante unha semana enteira, como un xeito de que manifestar o seu malestar con Sony sen prexudicar a editores e desenvolvedores.

Aínda que este #PSBlackout semella ben intencionado, non parece que vaia ter un impacto significativo, como o resto de protestas en liña, que aínda que parezan masivas, non estarían a mobilizar nin ao 0,4 % dos usuarios de consolas PlayStation 5 (e menos do 0,3 % dos usuarios de consolas PlayStation en xeral), e tampouco estarían a ter impacto nas reservas de Marvel: Lobezno nin GTA VI, aínda que ata que se lancen finalmente estes xogos será difícil saber se a reacción ante o remate dos xogos en disco é só ruído ou ten repercusións prácticas.

