
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou unha moción de apoio á actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega impulsada pola Xunta de Galicia. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables do Grupo Popular e do Grupo Socialista, mentres que o BNG votou en contra.
A moción respalda o documento presentado recentemente polo conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, que recolle preto de 700 medidas para adaptar a política lingüística aos novos desafíos e fomentar o uso do galego en todos os ámbitos. O texto tamén insta ás forzas políticas a retomar o diálogo para acadar un novo consenso arredor da política lingüística en Galicia.

Segundo explicou o voceiro do Grupo Popular, Jorge Cubela, a proposta é froito do traballo de máis de 130 profesionais e das 1.400 achegas realizadas por institucións, entidades e particulares ao longo do proceso participativo. Cubela defendeu que agora «cómpre que do debate político xurda o consenso necesario para impulsar un novo marco regulador para o galego, o cal permita afrontar, como unha gran oportunidade, todos os retos de futuro que Galicia ten por diante».
Durante a sesión tamén se aprobou o nomeamento do deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, como representante da Deputación na Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.
