
Samsung Electronics presentou uns resultados históricos no segundo trimestre de 2026, cunha facturación de 171,5 billóns de wons (uns 106.000 millóns de euros) e un beneficio operativo de 89,5 billóns de wons (uns 55.400 millóns de euros), impulsados polo forte tirón do negocio de semicondutores para intelixencia artificial. A compañía acadou así o maior volume de ingresos e beneficios trimestrais da súa historia, aínda que o negocio de dispositivos de consumo (DX), no que se integra a división móbil, pechou en números vermellos.
Os ingresos aumentaron un 28 % respecto do trimestre anterior, mentres que o beneficio operativo medrou un 56 %. Samsung tamén destacou que o beneficio por acción ascendeu a 10.849 wons, un 52 % máis que no primeiro trimestre.
A división Device Solutions (DS), responsable dos semicondutores, foi a principal impulsora destes resultados ao rexistrar unha facturación de 127,5 billóns de wons e un beneficio operativo de 89,2 billóns. A elevada demanda de memoria para servidores orientados á IA permitiu alcanzar un novo récord de vendas tanto en DRAM como en NAND. A empresa tamén puxo en valor a expansión da produción de memorias HBM4 e o envío das primeiras mostras de HBM4E, ademais da mellora do negocio de fundición grazas ao incremento da demanda de matrices base para HBM e de clientes estadounidenses.
O contraste chegou na división Device eXperience (DX), que facturou 48 billóns de wons pero rexistrou unhas perdas operativas de 800.000 millóns de wons (uns 495 millóns de euros). A principal responsable foi Mobile eXperience (MX), a unidade de smartphones.
Samsung explicou que as vendas da familia Galaxy S26 e da gama Galaxy A permitiron aumentar a facturación respecto ao ano anterior, pero non foron suficientes para compensar o forte incremento dos custos dos compoñentes, que reduciu a rendibilidade do negocio. Trátase da primeira vez que a división móbil da compañía entra en perdas, segundo destacan diversas análises especializadas.
A situación está directamente relacionada coa forte escalada do prezo da memoria RAM que afecta a toda a industria durante este ano. Aínda que Samsung é un dos maiores fabricantes mundiais destes compoñentes, a propia empresa recoñeceu que o encarecemento dos materiais e das pezas repercutiu negativamente nos custos de fabricación dos teléfonos intelixentes, un fenómeno que tamén afecta ao resto do sector.
Outras áreas da división DX ofreceron un comportamento máis positivo. O negocio de redes mellorou grazas ao aumento das vendas internacionais, mentres que Visual Display incrementou tanto os ingresos como a rendibilidade apoiándose na demanda xerada polos grandes eventos deportivos e no lanzamento de novas categorías de produto. Os electrodomésticos aumentaron as vendas pola campaña de aire acondicionado, aínda que tamén sufriron unha redución dos beneficios debido ao incremento dos custos.
Samsung prevé que a segunda metade de 2026 continúe marcada pola elevada demanda de semicondutores para IA, polo que espera manter o crecemento do grupo. No negocio móbil, a estratexia pasará por reforzar a aposta polos modelos de maior valor engadido, como os Galaxy S Ultra e a nova xeración de smartphones encartables, co obxectivo de mellorar a rendibilidade.

