
Hai pouco máis dun mes Microsoft anunciou que a partir do 1 de agosto subirían os prezos das consolas Xbox a nivel mundial, confirmando os novos prezos que terían as consolas en Europa. Por exemplo, a Xbox Series S de 512 GB pasa de 349,99 a 499,99 euros (599,99 euros no modelo con 1 TB de capacidade) e a Xbox Series X de 1 TB pasa de 599,99 a 799,99 euros (o modelo sen disco custaría 50 euros máis), compensando así o incremento dos prezos das memorias que está a azoutar a todo o mercado da electrónica de consumo.
Pero o que resulta máis frustrante desta situación é que, na páxina web de Xbox levan meses con todos os modelos de consola con existencias esgotadas, incluíndo os modelos reacondicionados, ao igual que carecen de unidades en Amazon, MediaMarkt, GAME, PC Componentes, El Corte Ingles… ou sexa, que na práctica as consolas Xbox carecen de distribución en España, de feito que para facerse cunha unidade nova habería que recorrer a mercados secundarios ou á importación.
As consolas Xbox non tiraron a toalla en toda Europa e, por exemplo, en Francia, si están dispoñibles as consolas, pero cos prezos actualizados, o que fai realmente pouco atractiva a súa compra. Lembremos que a consola de entrada, a Xbox Series S, chegou a venderse por debaixo dos 250 euros, polo que o prezo actual de 499,99 euros resulta totalmente desproporcionado, mentres que a Xbox Series X, que saíra á venda por 499 euros, pretenden vendela a 799,99 euros, situándose fóra do alcance da meirande parte dos consumidores.
Podemos entender que a actual conxuntura provocou unha crise que fai que as consolas Xbox estean practicamente fóra de mercado, especialmente en territorios onde xa tiñan unha presenza moi feble.
