
A pasada noite Telegram desapareceu globalmente da App Store, o que provocou certa preocupación dado o historial de polémicas da plataforma de mensaxería de Pável Dúrov, que non se caracteriza precisamente por respectar a lexislación e colaborar coas autoridades, o que lle valeu máis dun bloqueo temporal.
Pero poucos minutos despois da desaparición da tenda de aplicacións de Apple dende Telegram xa saíron a anunciar que «os informes da miña morte foron moi esaxerados», para que logo Apple manifestase aos medios que «retiramos temporalmente Telegram da App Store despois de que a nosa revisión detectase contido que incumpría as nosas estritas directrices, que prohiben o material de abuso sexual infantil. A aplicación foi restaurada posteriormente despois de que o seu desenvolvedor retirase con rapidez ese contido e expulsase o usuario que o publicou».
Cómpre lembrar que Telegram conta con aplicacións oficiais independentes das tendas de aplicacións, pero no caso de iOS, tal instalación non é posible de xeito doado, o que provoca que na práctica Apple teña a potestade de pechar a porta a unha plataforma. Podemos entender que a compañía de Cupertino non quere tomar partido bloqueando aplicacións con contido creado polo usuario, xa que un bloqueo total de Telegram podería levar tamén a bloquear aplicacións como X ou Truth Social, o que podería ter consecuencias políticas que prefiren evitar.
Resposta de Pável Dúrov

Horas despois do acontecido, Pável Durov publicou unha completa explicación do acontecido, asegurando que a retirada temporal de Telegram da App Store se debeu á actuación dun extorsionador que introduciu contido pornográfico ilegal modificado con IA nun grupo público mediante a edición dunha mensaxe antiga. Reproducimos a mensaxe a continuación:
Onte á noite, Apple retirou temporalmente Telegram da App Store porque un único usuario introducira contido pornográfico ilegal nun grupo público.
Telegram volveu estar dispoñible poucas horas despois. Pero quero explicar o que ocorreu para advertir outros desenvolvedores de aplicacións e axudar a protexer as comunidades en liña fronte a ataques semellantes.
Como Telegram elimina con rapidez o contido ilegal dos grupos públicos mediante todo tipo de ferramentas de moderación, o atacante tivo que recorrer a un truco técnico. Inseriu contido ilegal modificado con IA ao editar unha mensaxe antiga nun grupo activo. Como resultado, o contido quedou practicamente oculto para os membros do grupo, impedindo que o visen e o denunciasen con rapidez.
O atacante era un extorsionador especializado en retiradas de contido: alguén que esixe un rescate aos administradores dos grupos a cambio de non atacar as súas comunidades. Estes extorsionadores empregan contas automatizadas para introducir contido ilegal en grupos públicos e denuncialo directamente ante Apple, coa intención de provocar a eliminación de comunidades lexítimas cuxos administradores se negaron a pagar.
Desde un punto de vista práctico, o contido pornográfico ilegal nos grupos públicos de Telegram non constitúe un problema sistémico. A nosa moderación é efectiva. O feito de que os atacantes teñan que recorrer a contido retrodatado, practicamente invisible, e a outros trucos técnicos demóstrao.
Con todo, desta situación pódense extraer dúas leccións importantes para os desenvolvedores de aplicacións e as comunidades en liña:
— Os extorsionadores atoparon unha maneira de manipular Apple para que reaccione de forma desproporcionada. Apple retirou Telegram da App Store antes de poñerse en contacto connosco. Isto crea un risco sistémico potencial para calquera aplicación móbil que aloxe contido xerado polos usuarios. Se unha aplicación utilizada por máis de mil millóns de persoas pode ser retirada da App Store sen previo aviso, calquera aplicación pode correr a mesma sorte.
— As tácticas empregadas polos extorsionadores especializados en retiradas de contido están a evolucionar e poñen en risco comunidades de múltiples plataformas sociais. Telegram conta cunha ampla experiencia á hora de identificar os trucos empregados por grupos organizados de denuncias coordinadas e de protexer comunidades lexítimas (mesmo cando iso supón o risco de que a nosa propia aplicación sexa retirada temporalmente da App Store). É posible que outras plataformas non estean igual de preparadas.
