
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) comeza esta semana a súa programación especial dedicada á eclipse total do 12 de agosto coa estrea do documental Un intre diante do Sol e da miniserie francesa A eclipse, dispoñibles en AGalega.gal e na G2. Estes contidos servirán de antesala a unha cobertura especial que implicará a TVG, a Radio Galega e as plataformas dixitais da corporación.
A partir do luns 10 de agosto, AGalega.gal e a canle de YouTube da CSAG ofrecerán unha canle FAST temática con emisión ininterrompida durante 72 horas. A programación incluirá contidos de divulgación científica, retransmisións en directo, entrevistas, reportaxes, videopodcast, documentais e ficción relacionados coa astronomía e a exploración espacial. Tamén emitirá en exclusiva as xornadas internacionais New Frontiers in Cosmology, que se celebrarán na Coruña os días 10 e 11.

O martes 12 de agosto, a TVG ofrecerá unha cobertura especial ao longo de toda a xornada para seguir a eclipse desde distintos puntos de Galicia. O momento central será Especial eclipse, previsto para as 19:15 horas e presentado por Pablo Muñoz e Sabela Romar desde o faro de Mera (Oleiros), onde se instalará o principal centro de operacións do dispositivo.
O programa contará con conexións en directo desde o monte de San Pedro, as praias de Riazor e Orzán, o estadio de Riazor, a praia das Catedrais, a Muralla de Lugo, a Cidade da Cultura, o faro de Fisterra, o Altar do Sol de Lalín, Trevinca e a ría de Vigo. A emisión incluirá tamén sinais permanentes do Sol captadas desde diferentes puntos de Galicia, cámaras especiais e drons para seguir o momento da ocultación total. A análise correrá a cargo de expertos como Jorge Mira, Minia Manteiga, Daniel Galán Diéguez e Mercedes Camiña.
A programación especial comezará pola mañá con Bos días. O Telexornal mediodía emitirase desde Mera nunha edición ampliada para informar da chegada de visitantes aos principais puntos de observación, así como da evolución do tráfico e dos dispositivos de seguridade.
Ribadeo converterase no outro gran escenario da cobertura. Desde alí emitiranse as dúas edicións de Hora eclipse, mentres que pola noite, tras o Trofeo Teresa Herrera entre o Deportivo e o Real Madrid, a praia das Catedrais acollerá Eclipse Fest, unha celebración musical coas actuacións de Panorama City, 9Louro e Francisco.

María Solar conversará con especialistas como Jorge Mira, Minia Manteiga, Olalla López Costas e Xabier Pérez Couto. A programación completarase con entrevistas a Óscar Blanco, Xosé Anxo Docobo e Igor Piñeiro, ademais dos videopodcast As eclipses na historia do cine, con Moncho Lemos, e Lambóns de viaxe, con Carlos García-Verdugo.
AGalega.gal ofrecerá tamén unha experiencia específica para seguir o fenómeno mediante unha proposta multicámara que permitirá escoller en tempo real entre distintos sinais do dispositivo da CSAG. Ademais, os usuarios poderán descargar secuencias en formato time-lapse xeradas polas diferentes cámaras e compartilas nas redes sociais.
A G2 emitirá este domingo pola tarde o documental España baixo a eclipse total, unha produción de Somadrome para FORTA que aborda, coa participación de científicos, institucións e afeccionados, tanto a dimensión científica do fenómeno como os retos organizativos, de seguridade e mobilidade que implica un acontecemento destas características.
A Radio Galega tamén adaptará a súa programación para ofrecer unha cobertura especial. Kiko Novoa e Isabel Pichel conducirán a emisión acompañados por expertos como Jorge Mira e Borja Tosar, mentres que os informativos e programas da emisora incorporarán información, entrevistas, espazos divulgativos e conexións en directo arredor da eclipse.
A cobertura estará acompañada da campaña A eclipse, mellor á galega, protagonizada polo exbaloncestista Fernando Romay. O amplo dispositivo técnico da CSAG incluirá a produción dunha parte da programación especial no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), integrado en Pedralonga Estudios, na Cidade das TIC, onde se empregan tecnoloxías de realidade aumentada, realidade virtual e realidade estendida mediante pantallas LED 4K de gran formato.
