
O custo dos compoñentes necesarios para fabricar o iPhone 18 Pro de 256 GB podería aumentar preto dun 38 % con respecto ao modelo do ano anterior, segundo as últimas estimacións de TrendForce, que sitúan o encarecemento da memoria como principal responsable da subida. A presión sobre os custos podería obrigar Apple a asumir parte do incremento reducindo as súas marxes para evitar unha suba excesiva do prezo final e preservar o volume de vendas.
A memoria pasou a representar unha parte moito maior do custo de materiais (BOM) dos modelos Pro. No iPhone 17 Pro de 256 GB, lanzado en 2025, representaba aproximadamente o 10 % do custo total. Para o iPhone 18 Pro, TrendForce estima que a proporción alcanzará o 34 % no terceiro trimestre de 2026 e que podería superar o 40 % durante a primeira metade de 2027.

A evolución modifica de forma importante a estrutura de custos do teléfono. No iPhone 17 Pro, o panel representaba o 16 % do BOM e o procesador de aplicacións (AP), o 11 %. No iPhone 18 Pro, ambas as categorías baixarían ata o 10 %, mentres que a memoria pasaría a ser con diferenza o principal compoñente do custo, cun 34 %.
O incremento dos prezos da memoria podería continuar durante 2027. TrendForce sinala que o custo destes compoñentes aumentou entre cinco e sete veces desde comezos de 2025, unha evolución que está a afectar especialmente os fabricantes de smartphones.
Apple podería optar por absorber unha parte da subida mediante unha redución da súa marxe bruta, seguindo unha estratexia similar á adoptada nos lanzamentos recentes de MacBook. O obxectivo sería limitar o incremento dos prezos dos iPhone 18 para evitar que unha suba excesiva afecte á demanda, mantendo o volume de envíos e a súa cota de mercado.
A presión tamén podería estenderse aos modelos de xeracións anteriores. Unha das posibilidades que manexa TrendForce é que Apple revise os prezos dos iPhone actuais coa chegada da nova xeración, de maneira que parte do incremento dos custos da memoria se compense tamén mediante o encarecemento doutros modelos.
O impacto sería aínda maior para os fabricantes de Android, que dispoñen de marxes máis reducidas. Estes fabricantes terían menos capacidade para absorber o incremento dos custos e poderían trasladar unha maior parte da subida aos prezos de venda.
A situación resulta especialmente delicada nos smartphones de gama baixa e media, onde as marxes xa son reducidas. Se os custos da memoria continúan aumentando, algúns fabricantes poderían verse obrigados a incrementar considerablemente os prezos ou mesmo retirar determinadas gamas que pasen a xerar marxes negativas.
TrendForce prevé así que a produción mundial de smartphones continúe baixo presión desde a segunda metade de 2026 e durante 2027, nun mercado no que o encarecemento persistente da memoria podería acabar limitando tanto as marxes dos fabricantes como a demanda dos consumidores.

