
O vindeiro venres chega aos cines a película El Final de Oak Street, protagonizada por Anne Hathaway e Ewan McGregor, que teñen que enfrontarse a un misterioso fenómeno cósmico que arranca o seu contorno suburbano a un lugar descoñecido onde terán difícil a súa propia supervivencia, pero os responsables da súa promoción non foron prudentes dabondo e tomaron unha moi mala decisión: patrocinar contido xerado por IA para dar a coñecer a estrea cinematográfica.
A colaboración da Warner Bros. consistiu na participación do can que aparece no filme (Starbuck) dentro do podcast feito con IA titulado DogPark, no que uns cadelos sintéticos simulan estar a gravar un podcast, facendo comentarios graciosos fronte ao micrófono.
Pero o momento de tirar proveito do que se dá en chamar AI slop (lixo creado con IA) non parece o máis axeitado, pois hai un grande rexeitamento social ante este tipo de contidos, aínda que tal reacción parece depender moito dos contextos demográficos. Podemos ver así como a promoción da Warner con DogPark en Facebook tivo unha boa resposta por parte dos usuarios, con máis de 143 mil reproducións e comentarios positivos, mentres que en Instagram, cun número de reproducións semellante (153 mil), os comentarios son moi negativos, describindo o vídeo como anti-marketing e asegurando varios usuarios que tiñan pensado ir ver o filme ao cine, pero mudaron de opinión ao ver que se facía unha promoción xerada con IA, por considerar que estamos ante prácticas que atentan contra o propio cine e a creatividade humana. De feito, en plataformas como X incluso saíron á palestra defensores da produción para asegurar que na película non se empregou IA xenerativa, e dar a entender que a desfeita foi provocada por un bolseiro, mentres que outros usuarios chaman directamente a boicotear a película.
Non son poucos os que están a apuntar precisamente que é a xente de certa idade a que está a aceptar sen problema os contidos xerados con IA, o que explicaría que a Warner quixese chegar a esa xente mediante ese tipo de promoción, pero o feito de que poida ofender á xente comprometida contra o contido xerado con IA é un problema que deberían ter ponderado, pois pode rematar afectando á sona dunha produción que claramente non casa con esas prácticas (como demostra o feito de que empregasen a un can real durante as gravacións, e non un xerado por ordenador).

