
Diversos medios están a dar conta dunha suposta nova canle da TDT chamada Canal eclipse, que pode verse dende hoxe en Asturias, aínda que realmente estamos ante algo moito máis sinxelo. A Radiotelevisión do Principado de Asturias incorporou aos seus contidos con HbbTV (accesibles dende televisores conectados á Internet) a canle efémera sobre a eclipse que tamén ofrecen na súa páxina web, ou sexa, que para acceder a eses contidos é preciso premer o botón vermello do mando a distancia do televisor mentres se ten sintonizada a TPA e logo acceder á opción que abre o acceso a Canal eclipse.
Tamén na Televisión de Galicia

Aínda que dende Asturias estean a vender a suposta nova canle como unha innovación, estamos ante algo habitual entre os contidos HbbTV, pois son moitas as plataformas que contan coa opción de acceder a contidos en directo que non se corresponden coas canles tradicionais e, como non podía ser doutro xeito, tamén é o caso da Televisión de Galicia, que estes días ten operativa a canle en directo Eclipse +, que podemos ver a través das aplicacións e a web de AGalega, e tamén se prememos no botón vermello do mando a distancia do noso televisor.

