
Alumnado da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo está a gravar estes días en Entrimo (Ourense) unha serie web titulada Las hijas de Bernarda, baseada na obra de Ferderico García Lorca La casa de Bernarda Alba. O proxecto permite ao alumnado do Campus de Pontevedra pór en práctica a súa formación experimentando de maneira real o proceso de creación dunha ficción audiovisual.
A webserie realízase no marco do taller Celanova, plató de ficción, incluído na programación do Curso de Medio Audiovisuais de Celanova que desde 2010 organiza no mes de xullo a Fundación Carlos Casares e a Facultade de Comunicación, co apoio da Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense e Agadic.
Na gravación en Entrimo participan 17 estudantes do último e penúltimo curso do Grao de Comunicación Audiovisual, e as actrices Mayka Braña, Beatriz Barcia, Ariadna Santana, Lydia Prada, Helena Jes e Sandra Folgar. O escenario elixido é a “casa do médico” de Entrimo, unha casa de estilo indiano.
Conflitos de onte e hoxe

Sobre o tema da webserie, o alumnado explica que “máis que adaptar literalmente La casa de Bernarda Alba, a nosa intención é dialogar con ela e demostrar que unha obra escrita hai case un século aínda pode falarnos de nós mesmos”. A historia céntrase en como “catro irmás encerradas baixo o control de Bernarda enfróntanse ao desexo, aos celos e a un amor prohibido que ameaza con esnaquizar á familia” e como “baixo a aparente tranquilidade da casa comezan a xurdir secretos, rivalidades e desexos prohibidos”. O ton de proposta “achégase á comedia negra, pero o conflito de fondo mantense intacto”.
Sacar adiante unha peza audiovisual

O alumnado participante destacou que “o noso obxectivo principal é adquirir experiencia práctica e enfrontarnos ás distintas necesidades e dificultades que implica sacar adiante unha peza audiovisual”. Así, detallan, “buscamos completar o proxecto de principio a fin e conseguir unha obra coidada, coherente e con identidade propia, e ao mesmo tempo queremos aprender do proceso, mellorar a nosa capacidade de traballo en equipo e adquirir ferramentas e experiencia que poidamos trasladar a futuros proxectos profesionais”. Con este estudantado está na gravación en Entrimo o profesor da UVigo Paulino Pérez, director do taller Cemac. El pola súa banda subliña que “a experiencia é moi positiva pois é moi parecida a unha rodaxe real: traballo cun orzamento pechado, desenvolvemento por departamentos e, moi importante, convivencia e traballo en equipo. É unha oportunidade fantástica para que o noso alumnado poña en práctica todos os coñecementos aprendidos no grao”.
