
O Cormorán Film Fest presentou na Filmoteca de Galicia a programación da súa sétima edición, que por primeira vez reúne todas as películas da sección oficial arredor dunha temática común: «Filmar á Familia». O festival coruñés ofrecerá once longametraxes e dezaseis curtametraxes, cunha selección que explora as relacións familiares, a memoria, os vínculos afectivos e as transformacións persoais.
As cinco estreas en España serán Hot Water, de Ramzi Bashour, unha viaxe por estrada entre unha nai e o seu fillo adolescente; A Want in Her, de Myrid Carten, que parte da desaparición da nai da cineasta para reconstruír a súa historia familiar; Petrolheads, de Emil Langballe, que retrata a amizade a través da paixón polos coches; Adam’s Apple, de Amy K. Jenkins, que segue o crecemento e a transición de xénero do seu fillo; e Mariinka, de Pieter-Jan De Pue, premiada polo público no festival CPH, que retrata as vidas dunha comunidade ucraína marcada pola guerra.
A programación inclúe tamén dúas películas recoñecidas no Festival de Cannes que se estrearán en Galicia: Rehearsals for a Revolution, de Pegah Ahangarani, distinguida co premio L’Œil d’or ao mellor documental, e Elephants in the Fog, de Abinash Bikram Shah, gañadora do Premio do Xurado da sección Un Certain Regard. O público galego poderá ver tamén Idiotka, de Nastasya Popov, por primeira vez nunha sala do país.
O cinema galego estará representado por Fomos ficando sós, de Adrián Canoura, que participará no festival para conversar co público sobre esta exploración da relación co seu pai a partir das imaxes que este gravou no mar. Completan a sección oficial Remake, na que Ross McElwee revisita o seu arquivo familiar tras a morte do seu fillo, e Seis meses en el edificio rosa con azul, de Bruno Santamaría Razo, centrada na reconstrución da infancia e da memoria familiar.
As dezaseis curtametraxes proxectaranse na Filmoteca de Galicia en catro sesións temáticas: «Irmáns, curmáns, tíos», «Memoria», «Filmar os nosos» e «Coidar». As proxeccións incluirán coloquios con cineastas convidados. Entre os títulos seleccionados figura Mi tía Pura, de Álvaro Fenech e Noa Fito, que terá a súa estrea mundial no festival.
A programación recupera tamén «Cortos Neno», unha sesión dedicada ao cinema afeccionado e ás primeiras obras de cineastas emerxentes de Galicia. Outra das novidades será o Xurado Novo, integrado por sete mozos de entre 18 e 27 anos que concederán os seus premios á mellor longametraxe e á mellor curtametraxe.
O festival pechará esta sétima edición coa recuperación de El rayo verde, de Éric Rohmer, coincidindo co 40 aniversario da película, que inspira tamén o cartel desta edición.
Na presentación participaron Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura do Concello da Coruña, e Manuel Lógar, director e programador do Cormorán Film Fest. Lógar salientou a relación do festival coa cidade e co público: «O Cormorán é un festival que medra coa cidade e cunha comunidade de público que volve cada ano. Para nós, esa conexión é o máis importante: seguir facendo da Coruña un lugar onde o cinema se viva con calma, corazón e emoción compartida».
As proxeccións desenvolveranse nos Cines Cantones e na Filmoteca de Galicia. Neste último espazo, a entrada será libre ata completar a capacidade.
