
A banda viguesa Broken Peach volve deixar pegada nas redes. Coincidindo cunha novamente estarrecedora celebración do Samaín (Halloween), o grupo publicou unha reinterpretación de Thriller, o clásico de Michael Jackson, que incorpora elementos de Somebody’s Watching Me, de Rockwell, e Du Hast, de Rammstein. Rodado no Real Mosteiro de Oia (Pontevedra), o vídeo-clip achégase xa ás 300.000 visualizacións en Youtube apenas unha semana despois da súa estrea.
Coincidindo con este lanzamento, o grupo estreou o making of da produción, tamén na súa canle de Youtube, un contido que permite descubrir o traballo detrás das cámaras e o proceso de creación dun dos proxectos audiovisuais máis característicos da banda.
O novo vídeo é a duodécima entrega de Halloween de Broken Peach desde que a banda iniciou esta tradición en 2015.
Explican que un momento decisivo desta andaina músico-audiovisual chegou en 2017, cando This Is Halloween, publicado dous anos antes, fíxose viral e ampliou de xeito notable o alcance internacional da banda.
Desde entón, os especiais de Halloween en Youtube consolidáronse como “unha cita anual que os nosos seareiros esperan con impaciencia e que convertemos nun dos nosos grandes sinais de identidade”, sinalan, engadindo que “cada nova entrega supón un novo reto creativo e audiovisual, con versións de cancións recoñecibles, unha posta en escena propia e localizacións que contribúen a construír o universo visual do grupo”.
Engaden que “a expectación xerada entre fans de distintos países converteu esta tradición nunha oportunidade para reunir música, espectáculo e unha comunidade internacional que volve cada ano para descubrir a nova proposta”.
Este ano, a celebración terá tamén dúas citas en directo: Broken Peach actuará en Lugo o 30 de outubro, no único concerto de Halloween que a banda ofrecerá en Galicia en 2026. Un día despois, a propia noite de Halloween a banda estará a levar este espectáculo a Fuenlabrada.
Con máis de 350.000 subscritores e máis de 100 millóns de visualizacións acumuladas en Youtube, a banda utiliza o alcance das súas producións para “conectar o seu proxecto musical coa difusión do patrimonio e as paisaxes galegas máis aló das súas fronteiras”.
