
Os medios públicos galegos despregan unha cobertura especial da eclipse solar, con emisións en directo desde o faro de Mera (Oleiros) a través de Televisión de Galicia e Radio Galega, ademais de distintas propostas dixitais.
TVG emite ao mediodía un telexornal especial desde o set instalado no faro de Mera, con Marta Darriba, mentres que ás 19:15 horas comeza o Especial eclipse, presentado por Pablo Muñoz e Sabela Romar. O programa coincidirá coa fase decisiva do fenómeno e contará con conexións en directo desde distintos puntos de Galicia, así como con cámaras especiais e drons para ofrecer imaxes da ocultación total.
A cobertura incorpora tamén a análise de especialistas como o físico Jorge Mira, a astrofísica Minia Manteiga, o astrofísico Daniel Galán e a profesora Mercedes Camiña. Tras a emisión do fenómeno, o seguimento continuará na G2.
A plataforma AGalega.gal ofrecerá unha experiencia multicámara que permitirá escoller entre varios sinais en directo e descargar posteriormente secuencias timelapse. A canle FAST temática creada para a ocasión mantén ademais unha emisión ininterrompida durante 72 horas, con contidos de divulgación científica relacionados coa eclipse.

A Radio Galega conta tamén cunha emisión propia en streaming desde Mera, con realización independente, que se suma á emisión habitual por FM e ás plataformas dixitais AGalega e AGalegaAudio. Kiko Novoa e Isabel Pichel conducen o especial, acompañados por especialistas como Jorge Mira e o astrofísico Borja Tosar.
Ribadeo será o outro gran escenario da cobertura. Desde alí emitiranse as dúas edicións de Hora eclipse, pola mañá e pola tarde, e pola noite celebrarase o Eclipse Fest xunto á praia das Catedrais, con actuacións de Panorama City, 9Louro e Francisco.

