
O Congreso Internacional Solar MHD 2026 reuniu na Coruña investigadores de referencia internacional especializados en física solar, magnetohidrodinámica e simulación da atmosfera do Sol. O encontro, celebrado do 10 ao 14 de agosto no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, centro da Rede CIGUS, congregou durante cinco xornadas especialistas procedentes de Europa, Estados Unidos e Asia.
A apertura do congreso contou coa participación de Eduardo Mosqueira, subdirector do CITIC, e dos membros do comité organizador local Elena Khomenko (IAC), Malcom Druett e Suzana S.A. Silva, ambos da Universidade de Sheffield (Reino Unido). A terceira edición do encontro coincidiu ademais cunha circunstancia excepcional: a eclipse solar total do 12 de agosto, que permitiu poñer o foco na observación e no estudo da coroa solar.
O programa científico de Solar MHD 2026 combinou relatorios, sesións de discusión e actividades prácticas e abordou diferentes aspectos da magnetohidrodinámica solar, desde a observación e análise do magnetismo do Sol ata as simulacións numéricas e os novos métodos computacionais aplicados á investigación solar.
Unha semana excepcional para estudar o Sol
O congreso abordou algúns dos principais retos actuais da física solar, desde o estudo da coroa durante as eclipses ata a análise do magnetismo e da dinámica do Sol mediante simulacións avanzadas e intelixencia artificial. Estas liñas de investigación centraron as intervencións de varios dos expertos internacionais convidados ao encontro.
Entre as conferenciantes convidadas estivo Reetika Joshi, investigadora da Universidade de Oslo e do NASA Goddard Space Center, quen presentou o descubrimento dunha nova estrutura na cromosfera solar, identificada mediante observacións de alta resolución de varias misións e instrumentos. O estudo contribuíu a comprender como a interacción dos campos magnéticos e os movementos na superficie do Sol pode desencadear fenómenos enerxéticos como bucles en erupción e chorros solares.
O mércores, coincidindo coa eclipse solar total, o equipo investigador trasladouse á praia de Cabanas para observar o fenómeno. Elena Khomenko destaca que «as condicións foron excepcionais durante a observación da eclipse. Durante a fase de totalidade, a calidade do ceo permitiu observar a coroa solar con gran detalle e obter imaxes que poderán compararse con varios dos modelos de predición presentados durante o Congreso. Os participantes da reunión quedaron moi satisfeitos coa elección do lugar de observación realizada polo comité organizador».
Durante a xornada do xoves, o conferenciante convidado John Linker presentou un modelo avanzado para predicir a estrutura da coroa solar durante a eclipse total do 12 de agosto de 2026. A investigación combinou observacións de distintos instrumentos espaciais con simulacións magnetohidrodinámicas actualizadas de forma continua, co obxectivo de mellorar a precisión das predicións sobre a evolución da coroa e do vento solar.
O encontro científico pechouse o venres 14 coa conferencia de Aristeidis Voulgaris, investigador de referencia internacional especializado no estudo das eclipses solares, quen ofreceu a charla Estudar as eclipses solares ao longo de dous milenios: desde as predicións de eclipses do Mecanismo de Anticitera ata a análise espectroscópica moderna da coroa solar durante a totalidade.
Segundo destaca Elena Khomenko, o Congreso permitiu extraer diversas conclusións sobre o estado actual do campo da física solar. Presentáronse modelos avanzados sobre a formación e evolución das protuberancias solares, a súa capacidade eruptiva, as fulguracións e a dinámica das execcións de masa coronal. Os avances computacionais e o desenvolvemento de técnicas de simulación numérica permiten xa incorporar a varios destes modelos procesos físicos de gran complexidade, como a interacción do plasma coa radiación opticamente grosa, ao tempo que se relaxan as condicións habituais de equilibrio térmico.
Este tipo de modelos sitúase á vangarda da investigación e resulta de especial importancia para o estudo dos fenómenos eruptivos e para avanzar na predición do tempo espacial. Tamén se destacou o progreso das técnicas observacionais, especialmente pola súa contribución á predición da estrutura e da forma da coroa solar durante as eclipses.
Un foro internacional para compartir coñecemento
Solar MHD 2026 reuniu investigadores consolidados xunto a estudantes de doutoramento e científicos que se atopan nas primeiras etapas das súas carreiras, favorecendo o intercambio de coñecementos e a creación de novas redes de colaboración.
A conferencia deu continuidade aos encontros Solar MHD celebrados no Reino Unido en 2022 e en Tenerife en 2024. A iniciativa ten as súas raíces nas reunións Reino Unido-Ucraína-España sobre Física Solar e Ciencia Espacial, que durante anos reuniron especialistas internacionais en Ucraína e cuxa continuidade se viu interrompida pola invasión rusa.

