
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao plan parcial do Parque científico e tecnolóxico da Costa da Morte, no concello de Zas, que ten como obxectivo establecer a ordenación detallada do sector e resolver as súas conexións exteriores.
O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, determina que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpran as condicións recollidas na resolución en cuestións como o abastecemento, o saneamento, a mobilidade ou os ruídos asociados ao tráfico xerado.
O informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do plan parcial. Durante este trámite, a documentación presentada polo promotor foi sometida á consulta dos organismos públicos interesados, mentres que tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalos e presentar observacións ou suxestións de carácter ambiental. Non se recibiu ningunha.
Unha vez emitido, o IAE foi remitido ao promotor e ao órgano substantivo, o Concello de Zas, xunto cos informes recibidos durante a fase de consultas previas. Hoxe mesmo fíxose público mediante a publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O plan ten como finalidade ordenar os terreos e resolver as conexións exteriores do Parque científico e tecnolóxico da Costa da Morte. A proposta abrangue unha superficie de 437.812 metros cadrados, dos que 351.850 m² corresponden ao sector de solo urbanizable industrial AR-Sector-I3 do PXOM, coñecido como Polígono Monte Vello. A esta superficie súmanse 73.879 m² de zonas verdes e 5.613 m² destinados a viario. O recinto sitúase ao noroeste do concello, entre a vila de Baio e o polígono industrial da Cebola de Abaixo.
A ordenación proposta articúlase mediante unha malla viaria xerarquizada, cun acceso principal desde a AC-404 a través dunha glorieta e unha nova conexión cara ao leste que enlaza co polígono industrial existente. As zonas verdes concéntranse en contacto co solo rústico, mentres que tamén se contempla unha parcela destinada a equipamento e edificacións illadas de ata dúas plantas e oito metros de altura, entre outras modificacións.

