
Os reprodutores multimedia conectados tiveron unha grande aceptación especialmente grazas ao Chromecast, accesorio que por un prezo moi contido conseguían dotar de características de Smart TV a televisores básicos ou que, simplemente, deixaran de recibir actualizacións.
En 2020 estes trebellos deron un salto xigantesco ao integrar Google TV, pero en 2024 a compañía de Mountain View deu un paso difícil de entender ao deixar de actualizar este liña de produtos e optar por un salto de gama integrándolles funcionalidades de conectividade domótica, o que incrementou o seu prezo ata os 99,99 dólares nos EE.UU. (119 euros en España).

Se isto non fose dabondo, agora nos EE.UU. anuncian que «por mor dos incrementos dos custos dos compoñentes» fixeron onte efectivo un axuste de prezo que afecta ao Google TV Streamer 4K, colocándoo en 149,99 dólares, afastando o produto aínda máis dos consumidores. A suba de prezos aínda non se aplicou en España, pero é previsible que se produza nos vindeiros días.

Cómpre lembrar que con Apple fixo algo semellante a finais de xuño, incrementando o prezo do seu Apple TV 4K de 169 a 229 euros e situando a versión con conectividade Ethernet nuns desorbitados 299 euros.
Alternativas económicas

Ante este escenario non queda outra cousa que recomendar botar un ollo a catálogos alternativos como o de Xiaomi, que vende produtos como o seu Xiaomi TV Box S de 3ª xeración (equivalente ao Chromecast con Google TV que era tan popular) por 69,99 euros en España (podendo conseguirse a través de AliExpress por menos de 50 euros). Tamén están á venda produtos semellantes con Google TV en formato stick que tamén poden resultar atractivos.

