
O público do Festival de Cine Fantástico Lóstrego, que se celebra na Coruña, puido asistir este xoves á estrea en primicia da versión dobrada ao galego de Harry Potter e a pedra filosofal, a primeira película da saga protagonizada polo famoso mago de Hogwarts. A sesión celebrouse no Fórum Metropolitano, con entrada de balde.
A versión galega incorpora non só as voces dos personaxes, senón tamén a adaptación dos sons e das conversas presentes na pista de audio. «Traduciron toda a pista, os sons de fondo, as conversas. É algo que non se fai en todas as traducións e queda moi ben», explicou un dos espectadores tras a proxección.
A dobraxe tamén introduce unha nova voz para Harry Potter, que recibiu valoracións positivas entre o público. «Harry Potter sempre me pareceu que tiña unha voz demasiado madura e é un neno, un neno moi pequeno. Aquí é máis natural», sinalou outro dos asistentes.
A chegada do filme ao galego é froito dun acordo entre a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) e Warner Bros. Discovery, que permitirá incorporar esta versión ás plataformas da distribuidora. A dispoñibilidade comercial da dobraxe chegará proximamente aos seus servizos de streaming.

