
A estrea da función que permiten converter os xogos en disco de Xbox One e Xbox Series X a copias dixitais dos mesmos está a provocar todo un furor entre os afeccionados aos videoxogos, en boa medida por producirse nun momento de grande negatividade provocada pola futura morte do formato físico nos xogos de PlayStation.
E, aínda que actualmente parece que a reclamación de licenzas funciona en 3 de cara 4 xogos, a situación pode mudar rapidamente, xa que o pulo dalgúns coleccionistas levou a que se comprobasen xa máis de 1.700 títulos, poñendo no punto de mira nos títulos que non permiten a nova funcionalidade.
Dende o primeiro momento xa se sabía que habería xogos que non poderían transformarse de disco a copia dixital por limitacións técnicas (os primeiros xogos de disco de Xbox One non contan co identificador único en cada copia), pero o resto dependen principalmente de que os editores autoricen a funcións para os seus xogos.

Deste xeito está a pórse unha diana nos editores que teñen comportamentos contra os consumidores, como serían Bandai Namco, SEGA, Square Enix ou Ubisoft, e semella que este sinalamento estaría a resultar efectivo, pois nas últimas horas Ubisoft integrouse no programa de Xbox, de xeito que agora é posible pasar de disco a dixital a meirande parte das entregas de Assassin’s Creed, así como outros xogos da editora como Far Cry 5 ou Skull and Bones.
É posible que nas vindeiras semanas sexan varios os editores que actualmente se resisten á nova función a aceptala, evitando así que os xogadores emprendan contra eles campañas semellantes ás que actualmente está a padecer PlayStation por mor do seu proceder cos soportes físicos.

