
Dende hai un tempo Vodafone emprega a súa tenda de dispositivos como un xeito de fidelizar á clientela, ofrecendo produtos que nalgúns casos inclúen interesantes descontos, pero coa principal vantaxe de poder pagar en contas mensuais ata 36 prazos.
Aínda que este tipo de tenda en liña se centra en smartphones, actualmente achega unha oferta de produtos moi ampla, incluíndo televisores, consolas de videoxogos, tabletas, ordenadores, impresoras, auriculares, lentes con IA, reloxos, robots aspiradora, secadores de pelo e mesmo electrodomésticos para a cociña, polo que as facilidades de compra resultan atractivas para un amplo abano de clientes, que de seguro que agradecerán a última iniciativa da operadora: eliminar os compromisos de permanencia nos dispositivos.
Vodafone anuncia que agora será posible adquirir produtos na súa tenda en liña sen permanencia, dando máis liberdade e menos compromisos, aínda que matizando que dende a aplicación móbil Mi Vodafone nas vindeiras semanas seguirán contando cunha serie de produtos que manterán a opción de permanencia a cambio de cotas máis reducidas.

