
A Universidade da Coruña (UDC) e a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) deron importantes avances conxuntos para impulsar unha intelixencia artificial segura, consciente e ao servizo da sociedade.
Este foi o principal obxectivo do encontro mantido hoxe entre o reitor da UDC, Ricardo Cao, o director xeral da AESIA, Alberto Gago, a nova vicerreitora de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial da Universidade, Laura Castro e o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.
Durante a reunión, ambas as institucións puxeron en valor “a estreita colaboración” que manteñen desde a creación da AESIA e abordaron diferentes iniciativas que desenvolverán de forma conxunta en ámbitos estratéxicos como a alfabetización en intelixencia artificial, a formación especializada e a promoción dun uso seguro e responsable e de confianza destas tecnoloxías.
O director xeral da AESIA destacou a contribución da Universidade da Coruña ao ecosistema de coñecemento e innovación que permitiu consolidar a presenza da axencia na cidade: “A AESIA ten unha profunda débeda de gratitude coa Universidade da Coruña. O seu apoio, compromiso e capacidade de liderado foron fundamentais para que hoxe a Axencia teña a súa sede na Coruña e poida desenvolver desde aquí un labor de referencia nacional e internacional en materia de intelixencia artificial”, sinalou.
Pola súa banda, o reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou que “a colaboración entre ambas as entidades constitúe unha oportunidade estratéxica para seguir reforzando o papel da Coruña como referente na investigación, innovación e desenvolvemento da intelixencia artificial”. E engadiu: “A UDC comparte coa AESIA o compromiso de impulsar unha intelixencia artificial que xere valor para a sociedade, que contribúa ao progreso económico e social e que se desenvolva desde principios éticos, de confianza e de respecto aos dereitos das persoas”, afirmou.
Ambas as partes coincidiron ademais “na necesidade de continuar promovendo iniciativas que acheguen o coñecemento sobre intelixencia artificial á cidadanía, impulsen a capacitación dixital e favorezan unha adopción tecnolóxica baseada na confianza”.
A UDC, presente no Laboratorio de Ideas en Intelixencia Artificial da AESIA
O encontro serviu tamén para poñer en valor a participación activa da Universidade da Coruña no Laboratorio de Ideas en Intelixencia Artificial da AESIA, un espazo de reflexión e diálogo multidisciplinar que reúne 27 especialistas de máximo nivel (entre as que se atopan as investigadoras Amparo Alonso e Verónica Bolón, do CITIC) para analizar o impacto da intelixencia artificial e anticipar tendencias e retos neste ámbito.
A UDC e a AESIA reafirmaron a súa vontade de “seguir traballando conxuntamente para consolidar A Coruña como un polo de referencia en innovación dixital e intelixencia artificial, promovendo iniciativas que combinen excelencia académica, transferencia de coñecemento e impacto social”.

