
AGalega.gal incorpora á súa oferta de contido os programas Sexo con senso e BenLidos, dous formatos seleccionados na última convocatoria de contidos dixitais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), que ofrecerán estreas semanais ata novembro e decembro, respectivamente. A plataforma tamén ampliará a súa oferta cinematográfica con títulos como Dous bos nachos, Crónica dunha relación pasaxeira, A herexía laranxa queimada e Rose.

A nova tempada de Sexo con senso, presentada pola matrona e divulgadora Lidia Lestegás, chega hoxe cun episodio centrado na diversidade sexual. O formato aborda cuestións relacionadas coa sexualidade, o desexo, as relacións e o pracer desde unha perspectiva divulgativa, e analizará tamén aspectos relacionados coa identidade, a orientación e a expresión sexual. Haberá unha nova entrega semanal ata o 6 de novembro.
A programación cinematográfica incorpora ese mesmo día Dous bos nachos, comedia de acción na que un detective privado e un matón a soldo unen forzas para investigar a desaparición dunha activista medioambiental. O filme estará dispoñible durante 30 días.
O sábado 3 de outubro será a quenda de Crónica dunha relación pasaxeira, protagonizada por unha nai solteira e un home casado que deciden iniciar unha relación sen compromiso, aínda que a conexión entre ambos acabará poñendo en cuestión as condicións acordadas inicialmente.

BenLidos estrearase o xoves 8 de outubro con Alba Mancebo á fronte. O novo formato achegará de maneira breve e divulgativa os libros de lectura obrigatoria nos institutos galegos, con explicacións, curiosidades e claves para facilitar a comprensión das obras e estimular o interese pola lectura. O primeiro episodio estará dedicado a O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, obra que lle valeu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2008. As entregas continuarán semanalmente ata o 17 de decembro.
Sexo con senso regresará o venres 9 cun episodio dedicado aos comportamentos sexistas nas relacións sexuais, con ferramentas para identificalos e promover relacións baseadas na liberdade e na igualdade. Nesa mesma xornada, AGalega.gal sumará ao catálogo o thriller A herexía laranxa queimada, ambientado no mundo da arte.
A seguinte estrea cinematográfica chegará o sábado 10 con Rose, película ambientada a finais dos anos noventa que segue a viaxe a París dunha muller que vive nun centro psiquiátrico xunto coa súa irmá e o seu cuñado. A experiencia porá a proba a convivencia e a relación entre os tres protagonistas. O filme estará dispoñible durante 30 días.

