
O xurado dos VI Premios Fouciño, celebrados do 22 ao 24 de outubro en Baio (Zas), integrado pola xornalista e comunicadora Alba Mancebo, a artista e deseñadora de vestiario Melania Freire, o fotógrafo e director Alberto Villar e o concelleiro de Cultura de Zas, Lito Velo, outorgou a Adrián Porrima o galardón na categoría xeral pola súa obra Nas ondas do tempo, da que salientaron a súa capacidade para expresar moito en pouco tempo, a maneira de apelar á emoción, a mestura de linguaxes e o espazo que deixa para a sorpresa.
A categoría xeral contou tamén cunha mención especial para Alicia no país no esquecemento, de Irene Pin, polo seu valor cultural, a súa coidada estética e a recuperación do patrimonio inmaterial e da memoria dos maiores.
O premio á mellor curtametraxe de centros de ensino recaeu en Nariz de ouro, do CEIP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda. O xurado valorou a importancia da mensaxe, centrada en que as rarezas tamén poden converterse en fortalezas, así como a implicación do profesorado e do alumnado e o traballo en equipo. Tamén puxo o foco na educación en valores desde idades temperás.
Os premios do público recoñeceron A do Insta, de Aleixo Pérez Aponte, na categoría xeral, e Os poetas e o lume, do CEIP Labarta Pose de Baio, na categoría de centros de ensino. O público tamén escolleu Calzados Paco (Zapatería de muller) como gañador do premio ao mellor escaparate de comercio local.
Os recoñecementos honoríficos desta edición, coñecidos como os Fouciños de Mabel, foron para a Inmobiliaria Elías e a Parafarmacia Horizonte.
