
A V edición do DATAfórum Xustiza pechou este venres 23 de outubro as súas portas na Coruña (en PALEXCO) tras tres días de actividade nos que a cidade converteuse nun punto de encontro para reflexionar sobre o presente e o futuro da Xustiza. A cita reuniu 180 persoas expertas nacionais e internacionais en máis de 200 actividades centradas na transformación dixital do sistema xudicial.
No acto de clausura, o reitor da UDC, Ricardo Cao, aproveitou a súa intervención para reivindicar “o papel da universidade pública ante os grandes cambios sociais e tecnolóxicos que atravesa a sociedade”.
Lembrou que as universidades “non só forman, investigan e transfiren coñecemento, senón que tamén constitúen un dos principais instrumentos de igualdade de oportunidades dunha sociedade democrática”. E engadiu: “O coñecemento debe servir para xerar oportunidades e garantir que estas poidan chegar a todas as persoas”.

Cao tamén advertiu da necesidade de eliminar barreiras externas, como as relacionadas co acceso á vivenda ou á mobilidade, que poden comprometer a función da universidade pública como ascensor social.
Ademais, o reitor puxo o foco nun dos conceptos que están a orientar a acción da UDC: a humanización. Trátase dunha idea que, lonxe de resultar contraditoria nun foro centrado nos datos e na intelixencia artificial, considerou máis necesaria ca nunca. Segundo explicou, humanizar implica simplificar normas e procedementos, crear contornas sen barreiras e máis inclusivas e garantir que a transformación dixital se desenvolva sempre pensando nas persoas.
Nesta liña, defendeu unha aproximación equilibrada á tecnoloxía e á intelixencia artificial. “Non debemos ter medo á tecnoloxía, pero tampouco atribuírlle a capacidade de decidir que sociedade queremos construír”, afirmou, engadindo que “mentres a tecnoloxía pode axudar a atopar respostas, son os valores os que deben guiar as pregunta”s.
Cao estableceu ademais un paralelismo entre universidade e Xustiza, dúas institucións que traballan coas persoas, se sustentan no coñecemento e na razón, necesitan confianza social e comparten a responsabilidade de contribuír á construción dunha sociedade máis libre e máis igualitaria.
O reitor valorou especialmente que o DataFórum Xustiza se presente como “un espazo para impulsar unha xustiza moderna, aberta e centrada nas persoas, e defendeu unha concepción da innovación vinculada á mellora efectiva da vida da cidadanía”.
“A verdadeira innovación é a que consegue facer máis sinxelos os procesos, reducir desigualdades e dedicar máis tempo aquelo no que a intervención humana resulta insubstituíble”, destacou.
Así, reivindicou a contribución das universidades a estes procesos non só a través do desenvolvemento tecnolóxico, senón tamén mediante a investigación, o pensamento crítico, a avaliación e a formación de talento novo. Como exemplo desta capacidade, mencionou o DATAthon celebrado durante o foro, no que estudantes de distintas disciplinas traballaron conxuntamente na procura de solucións para retos relacionados coa infancia e a mocidade, a desigualdade silenciosa e a neurodiverxencia.
