
O documental musical KIRO, dirixido pola xornalista e creadora audiovisual María Yáñez, estrea o seu tráiler oficial antes da chegada ás salas de cine o vindeiro 11 de decembro. A longametraxe percorre a vida e a traxectoria de Ana Kiro, unha das grandes figuras da música popular galega, e afonda na relación emocional que a cantante estableceu co seu público a través das súas cancións.
O filme propón unha viaxe pola memoria colectiva de Galicia a partir da figura dunha artista que acadou unha enorme popularidade durante os anos oitenta e noventa. Ana Kiro percorreu verbenas por todo o país, vendeu centos de miles de discos e casetes e actuou ante milleiros de persoas en Europa e Latinoamérica. O seu repertorio, que combinaba o folclore popular con ritmos pop e latinos, conectou especialmente con quen atopaba nas súas letras referencias ao traballo no campo e no mar, ás festas, aos pobos e parroquias e á morriña da emigración.
KIRO aborda así o poder emocional da canción lixeira nunha cultura minorizada e marcada pola emigración. As cancións de Ana Kiro converteron en música experiencias compartidas por varias xeracións de galegos, tanto dentro do país como fóra del, e o documental recupera ese vínculo a través de familiares, amizades, seguidores e artistas que lembran a cantante e reinterpretan o seu repertorio.

Entre os participantes figuran Nuno Pico, de Grande Amore; Sés; Xosé Manuel Pereiro e Brigitte Vasallo, xunto a Carlos Rivero, viúvo de Ana Kiro, e Carmen Quiroga, a súa filla. A eles súmanse seguidores que acompañaron a artista ao longo da súa carreira, nun relato coral que entrelaza testemuños, conversas e actuacións musicais coa historia persoal da cantante e coa do público que a converteu nunha diva popular.

A película está dirixida por María Yáñez, xornalista luguesa nada en 1978, especializada na divulgación da cultura pop galega e na promoción do cinema, especialmente a través dos medios dixitais. Actualmente traballa na área de márketing e redes sociais da distribuidora Elastica Films. A súa traxectoria inclúe tamén a creación de contidos audiovisuais para televisión e internet. KIRO supón a súa primeira longametraxe como directora, cun guión escrito xunto a Cibrán Tenreiro, María Villamarín e Carlos Prieto.

A estrea comercial chegará despois do paso polo Ourense Film Festival (OUFF), onde a película recibiu o premio do xurado á mellor película, o premio do público e unha mención especial á mellor dirección na sección Panorama Galicia.
Antes, o documental estrearase en Cataluña o 3 de novembro no festival In-Edit de Barcelona, cunha sesión que incluirá unha actuación previa de AL-V con Namorala Pandereteiras e a presentación da directora. O certame programará un segundo pase o día 4. A cidade mantén unha relación especial coa historia de Ana Kiro, que viviu alí e estivo estreitamente vinculada á comunidade galega emigrada.
KIRO é unha produción de MirameMirA, Zuzú Cinema e Amorambre, con Andrea Vázquez e Xavi Font á fronte da produción. As tres produtoras participan nun proxecto que se insire nunha traxectoria vinculada a títulos como O que arde e Sirat, de Oliver Laxe; O corno, de Jaione Camborda, gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián; e Estrany riu, de Jaume Claret. A longametraxe conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura), Europa Creativa MEDIA e AGADIC (Xunta de Galicia), coa participación de Televisión de Galicia e da Deputación de Ourense e co apoio á distribución da Deputación da Coruña.
