
O creador de contidos grovense Manuel Prol, coñecido como Genius Manu, asegura que leva meses recibindo denuncias por dereitos de autor que provocaron o peche das súas contas de TikTok e Instagram e que agora ameazan a continuidade da súa canle de YouTube. Nun vídeo publicado o 28 de outubro, explica que está a reunir probas e que o caso xa está na vía xudicial en España.
Segundo relata Prol, as primeiras reclamacións comezaron en maio de 2026 e repetíronse ao longo dos meses. En xuño perdeu a súa conta de TikTok, na que reunira arredor de 100.000 seguidores, e posteriormente tamén quedou sen acceso á de Instagram. O creador atribúe estes episodios a denuncias reiteradas por dereitos de autor e a supostas suplantacións da súa identidade mediante as que terceiros reclamarían vídeos que el mesmo publicara.
Prol afirma que recorreu as decisións das plataformas e que organismos europeos de resolución de conflitos lle deron a razón nos casos de TikTok e Instagram. Porén, asegura que, polo momento, ningunha das dúas lle devolveu as contas. As reclamacións tamén chegaron a YouTube, onde teme que a acumulación de avisos poida acabar coa eliminación da súa canle, na que leva moitos meses publicando contidos sobre tecnoloxía e o ecosistema de Apple (como comentamos co propio creador o ano pasado).
O creador non identifica publicamente a persoa á que atribúe esta campaña, pero asegura coñecer quen estaría detrás dos feitos e os métodos empregados. Segundo explica, recompilou documentación para o procedemento xudicial e considera que a resolución do conflito podería prolongarse durante meses ou mesmo anos.
Ante a posibilidade de perder tamén a súa presenza en YouTube, Prol habilitou unha nova conta de Instagram e recomenda seguir a súa canle de WhatsApp para manter o contacto coa audiencia se deixa de estar dispoñible nas plataformas habituais. No vídeo, solicita axuda para chegar aos equipos responsables da xestión das reclamacións por dereitos de autor e pide aos seus seguidores que non acosen nin insulten outros creadores.
O caso pon de relevo o impacto que os procedementos automatizados de moderación poden ter sobre os creadores que dependen das redes sociais para desenvolver a súa actividade profesional, así como tamén deixa en evidencia o desprezo das plataformas pola lexislación europea, que establece medidas de protección para usuarios e profesionais, e que están a ignorarse de xeito masivo, para desesperación e impotencia dos afectados.

