
O Concello de Oroso colaborará na celebración dun novo obradoiro gratuíto do programa Extraordinarias, unha iniciativa promovida pola Fundación Cibervoluntarios para facilitar ás mulleres emprendedoras competencias dixitais que lles permitan impulsar os seus proxectos, mellorar a súa presenza na Internet e ampliar as oportunidades dos seus negocios.
A actividade, titulada Extraordinarias: fundamentos de dixitalización, celebrarase o xoves 19 de novembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, na Aula CeMIT de Sigüeiro, situada na rúa do Deporte, número 9. Trátase dunha sesión presencial intensiva de catro horas, dirixida especialmente a mulleres que teñan unha idea de negocio, estean iniciando un proxecto de emprendemento ou xa desenvolvan unha actividade empresarial e queiran reforzar a súa presenza no ámbito dixital.
O programa Extraordinarias busca acompañar as mulleres emprendedoras na transformación dixital dos seus proxectos, achegándolles ferramentas prácticas para avanzar desde o ámbito local cara a mercados máis amplos. A iniciativa ofrece formación gratuíta en diferentes niveis e aborda competencias relacionadas coa mercadotecnia dixital, a presenza en liña e o uso de ferramentas tecnolóxicas aplicadas aos negocios.
A sesión permitirá coñecer recursos dixitais básicos para mellorar a visibilidade dun negocio e facilitar a relación coa clientela.
Un dos contidos será a transformación dixital, coa explicación da importancia de incorporar ferramentas en liña á actividade empresarial e das oportunidades que ofrece a Internet para dar a coñecer produtos e servizos.
Tamén se abordará a creación e configuración dunha presenza profesional na Rede, con especial atención aos perfís empresariais en Google e Facebook, ferramentas que poden axudar a que os negocios sexan máis visibles e faciliten o contacto con posibles clientes.
Outro dos apartados estará centrado na atención á clientela mediante WhatsApp Business, unha aplicación que permite organizar a comunicación cos usuarios e mellorar a xestión das consultas comerciais.
Por último, o obradoiro incluirá recomendacións básicas de seguridade dixital, con consellos para protexer os contrasinais e reducir os riscos asociados ao uso de ferramentas e servizos en liña.

