
Seis colexios disputarán mañá, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, a final de VI edición do concurso Ciberseguridade no cole!, organizado por Telefónica para fomentar a cultura da protección tecnolóxica entre o alumnado galego, no marco do VI Encontro Ciber.gal.
O certame, dirixido a alumnos de entre 10 e 14 anos, contempla dúas categorías, a de Primaria, na que se clasificaron o CPR Los Sauces (Pontevedra), o CPR Santo Pío X (Ourense) e o CEIP Bibei (Viana do Bolo); e a de Secundaria, na que competirán o CPR La Merced (Sarria), o IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña) e o CPR Plurilingüe Calasancias (A Coruña), tras superar a primeira fase de clasificación online.
A dinámica da proba final será de preguntas e respostas contrarreloxo. Por cada categoría, formarase un único equipo de seis integrantes con dous alumnos de cada colexio finalista. Cada equipo deberá resolver, de forma conxunta e colaborativa, o ciber-reto que lles exporá a organización, respondendo para iso, de forma consensuada, a 6 preguntas que lles permitirán descifralo. Como axuda, contarán con dous comodíns, o do público, que disporá de cartolinas de cores nos seus asentos para xestionalo, e o dos profesores.
O traballo colaborativo será a base para completar con éxito cada misión e lograr en equipo os premios establecidos, en función do nivel de resolución da proba (formativos, didácticos e relacionados coa ciberseguridade).
Entrega de premios

Os tres colexios que forman equipo en cada categoría (Primaria e Secundaria) levaranse o mesmo premio final, que será entregado por Damián Rey, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA; a directora da área de Infraestruturas e Seguridade do organismo, Adrián Lence; e o xefe de subárea de Seguridade, Gustavo Herva, ao finalizar o encontro, que será clausurado pola directora de Telefónica en Galicia, Paula Beirán.
Ao evento asistirán tamén os colexios CPR Plurilingüe Bayón (Ribeira) e CPR Plurilingüe Losada (Vigo), gañadores da I edición de Debuxando no cole!, unha nova iniciativa para achegar, a través da expresión artística, os conceptos da ciberseguridadE tamén aos alumnos de 3º e 4º de Primaria. Este ano estreouse poñendo o foco nas profesións da ciberseguridade.
25.500 alumnas e alumnos dende 2021
Desde a súa posta en marcha en 2021, preto de 25.500 alumnos participaron xa en Ciberseguridade no cole!
Con esta iniciativa, dirixida a alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO, Telefónica mostra o seu compromiso social e cultural máis aló do negocio, concienciando aos máis novos no uso seguro da tecnoloxía.
Nesta sexta edición participaron máis de 4.500 alumnos de 167 clases, pertencentes a 65 colexios, para aprender boas prácticas coas que facer fronte aos riscos que entraña actualmente o uso dos medios dixitais.

