
Sony publicou unha nova actualización do software do sistema de PlayStation 5 (a 5º dende setembro), identificada como a versión 26.07-14.23.00, cun tamaño de descarga de 1,267 GB. A actualización xa está dispoñible e chega apenas dúas semanas despois da anterior, a 26.07-14.22.00, nun momento no que a escena homebrew está a intensificar os seus intentos de vulnerar a seguridade da consola.
As notas oficiais de PlayStation limitan a descrición dos cambios a «algunhas correccións de seguridade no software do sistema», sen ofrecer máis detalles sobre as vulnerabilidades abordadas. A nova versión publicouse un día despois de que un coñecido hacker asegurase ter conseguido extraer o binario dun xogo nunha PS5 con firmware 14.22.00. Este avance non demostra a existencia dun jailbreak completo, pero xerou novas especulacións sobre a posibilidade de executar código non autorizado na consola.
A sucesión de actualizacións de Sony está relacionada cos avances da comunidade homebrew, que nos últimos meses conseguiu publicar métodos para desbloquear determinadas versións do firmware da PS5. A finais de setembro apareceu un jailbreak compatible coas consolas que utilizaban versións comprendidas entre a 7.00 e a 13.60, incluída a PS5 Pro. O descubrimento tivo unha importante repercusión porque permitía modificar o funcionamento da consola e abría a porta, entre outras posibilidades, á execución de software non autorizado e á piratería de videoxogos.
A situación complicouse cando se comprobou que algúns xogos recentes necesitaban o firmware 14.00 para descargar as súas actualizacións. Isto obrigou a buscar novos métodos de desbloqueo compatibles coas versións máis recentes, mentres Sony continuaba publicando correccións de seguridade. A dinámica converteuse nunha carreira na que os investigadores buscan vulnerabilidades nas versións actuais e o fabricante intenta pechalas mediante novas actualizacións.
A proximidade do lanzamento de Grand Theft Auto VI engade presión a esta situación. Existe preocupación pola posibilidade de que apareza un método de desbloqueo compatible coa versión do sistema necesaria para executar o xogo, o que podería facilitar a súa distribución ilegal. Porén, non está confirmado que o firmware 14.23.00 sexa imprescindible para xogar ao novo título de Rockstar nin existen probas de que esta actualización se publicase como resposta directa ao último descubrimento da comunidade hacker.
A IA fai perigar a seguridade dos videoxogos

A seguridade de Grand Theft Auto VI tamén está relacionada cos avances na enxeñaría inversa mediante intelixencia artificial. Strauss Zelnick, director executivo de Take-Two Interactive, matriz de Rockstar Games, abordou recentemente esta cuestión nunha entrevista con IGN e nunha sesión de preguntas e respostas dirixida a investidores.
Zelnick recoñeceu que a intelixencia artificial pode incrementar os riscos para a protección dos videoxogos, aínda que considera que reproducir a experiencia completa dun título nas condicións previstas polos seus creadores seguirá presentando dificultades técnicas. «Estamos absolutamente centrados en reforzar as nosas defensas técnicas e en intensificar adecuadamente as nosas accións legais», afirmou.
O directivo tamén sinalou que a piratería afecta, en maior ou menor medida, a todas as industrias do entretemento e que Take-Two considera que poderá xestionar este problema. A compañía pretende combinar medidas técnicas e accións xudiciais para protexer os seus lanzamentos.
