
A Fundación Secretariado Xitano presentou Sociall, unha plataforma dixital de captación de talento que recolle os seus máis de 25 anos de experiencia co programa de inserción laboral Acceder, un referente a nivel estatal e europeo dentro do seu ámbito de acción tras colaborar con máis de 30.000 empresas, fomentar máis de 120.000 contratos asinados e dar servizo a preto de 200.000 participantes.
Sociall recolle todo ese coñecemento e pono ao servizo das empresas a través da dixitalización dos seus servizos de prospección e intermediación laboral.

Sociall está avalada por 70 equipos Acceder en 15 comunidades autónomas e 90 localidades, 7 delas en Galicia, con perfís expertos en orientación laboral, mediación e prospección para o emprego.
A presentación de Sociall celebrouse nas instalacións da Asociación Área empresarial do Tambre, situada no Polígono do Tambre, coa participación de empresas colaboradoras da FSX de toda Galicia.
O acto, conducido por Fernando Montoya, prospector laboral da fundación, comezaba coa benvida a cargo de José Fernández Alborés, presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre. Na benvida estivo acompañado por Eva Beira, directora autonómica da FSG en Galicia que abriu a xornada cunhas palabras sobre os vinte e cinco anos do programa Acceder, contextualizando o papel de Sociall “como unha ferramenta de intermediación laboral que conecta empresas con candidatos mediante procesos de contratación moi eficientes”.
A continuación, celebrouse a mesa de diálogo de empresas, Talento que transforma, na que participaron representantes de CLECE, Vegalsa-Eroski, TENDAM e Mercado Boanerges.

Raquel Pérez, responsable da área de empresas e José Ramón García, prospector laboral, ambos da Fundación Secretariado Xitano, presentaban a plataforma dixital de captación de talento, Sociall.
Explicaron que Sociall ofrece un servizo personalizado e áxil na xestión das ofertas de emprego, reducindo os tempos de contratación das empresas, brindando formación á carta e achegando valor a empresas comprometidas coa diversidade e a inclusión. “Sociall contribúe a formar equipos máis inclusivos, demostrando que a rendibilidade e o compromiso real poden ir da man, achegando valor para o negocio”, sinalaron, salientando que “fronte a portais de emprego xerais, Sociall céntrase no talento diverso, en itinerarios de formación e procura de emprego, co acompañamento experto da Fundación Secretariado Xitano”. Ademais, engadiron, “onverte a diversidade do persoal nunha vantaxe competitiva e achega candidaturas acompañadas por profesionais que aseguran a súa idoneidade”.
