
Vodafone España anunciou o nomeamento de Francisco Vallejo como novo director institucional de Vodafone Empresas para Galicia con data dende o 23 de novembro. Con esta iniciativa, a operadora quere incrementar a súa capacidade de interlocución coas principais institucións, administracións, organizacións empresariais e grandes clientes en Galicia, reforzando así a súa presenza no territorio.
Francisco Vallejo desenvolveu toda a súa traxectoria profesional en Vodafone, onde asumiu responsabilidades de crecente relevancia tanto en Galicia como nos Servizos Centrais da compañía. Durante este período liderou áreas clave de Rede, Marketing e Vendas, cunha ampla experiencia en xestión de equipos e desenvolvemento de negocio. Segundo salienta a compañía, “o seu coñecemento do mercado empresarial, das administracións públicas e da contorna socioeconómica galega constitúe un activo diferencial para afrontar esta nova etapa á fronte da dirección institucional de Vodafone en Galicia”.
Na súa última etapa profesional, Francisco Vallejo estivo á fronte da proposta de Produto e Solucións de Vodafone Empresas, impulsando iniciativas cruciais para o crecemento do negocio e a transformación dixital dos seus clientes relacionadas con Internet das Cousas e coa implantación de máis de 2 millóns de usuarios do servizo de colaboración dixital One Net.
Francisco Vallejo sinalou que “volver a Galicia para asumir esta responsabilidade é un orgullo e unha gran motivación. O meu compromiso é reforzar o papel de Vodafone como socio tecnolóxico de referencia en Galicia, impulsando a dixitalización e a innovación de empresas e institucións e contribuíndo ao crecemento e á competitividade da nosa comunidade”.
Vallejo é enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo e conta cun Mestrado en Administración de Empresas pola Escola de Organización Industrial.
5G en máis de 300 municipios galegos

Co gallo deste nomeamento Vodafone certifica o seu “forte compromiso con Galicia mediante o despregamento de infraestruturas dixitais avanzadas que impulsan a competitividade, a innovación e a cohesión territorial”. A compañía ampliou a cobertura 5G que xa comprende 301 municipios galegos, “achegando os beneficios da dixitalización a cidadáns, empresas e administracións de toda a comunidade”, en palabras da operadora, que traballa xunto ao tecido empresarial galego en proxectos que xa están a xerar impacto real en sectores estratéxicos como a loxística, a industria, o transporte, a enerxía ou a xestión da auga.
“Dende redes privadas móbiles e solucións IoT ata servizos avanzados de ciberseguridade e dixitalización empresarial, mantemos o noso compromiso de seguir conectando Galicia e creando oportunidades de crecemento sostible para empresas, administracións e cidadáns”, engade a firma de telecomunicacións.
