
A Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo (UVigo) celebrou hoxe na Escola de Enxeñería Industrial a xornada Ágora Conectividade Intelixente para a industria do mañá, que reuniu a expertos do ámbito universitario e empresarial para profundar en como a conectividade intelixente e as infraestruturas dixitais están a transformar os modelos produtivos e redefinindo o futuro do tecido industrial de Galicia.
Durante o encontro analizouse o impacto de tecnoloxías como a 5G, a Internet das Cousas (IoT) ou o Edge Computing na formación de contornas industriais máis eficientes, flexibles e respectuosas co coidado dos recursos naturais, así como as novas oportunidades que está a abrir a conectividade, desde a automatización avanzada ata a fábrica hiperconectada.
Esta xornada enmárcase dentro do programa de actividades do 25 aniversario da Rede de Cátedras Telefónica, que tratan de acelerar a adopción de tecnoloxías disruptivas e o desenvolvemento do talento dixital a través da colaboración entre universidade e empresa.
Entre as actividades que se levaron a cabo hoxe incluíuse a mesa redonda Conectividade Intelixente para a industria do mañá, que foi moderada polo director executivo (CEO) de Optare Solutions e presidente do Grupo Marsan, Luis Álvarez-Sestelo, acompañado dos catedráticos da Universidade de Vigo Carlos Prado e Felipe José Gil, o responsable de proxectos de Innovación en Procesos de Stellantis Vigo, Juan José Area, e a responsable de IA do Territorio Norte de Telefónica, Alba Meijide.
O programa completouse coa conferencia sobre Xemelgos dixitais, IA física e Robotización do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), na que sete expertos explicaron as principais liñas de actuación e de investigación do centro tecnolóxico sobre a materia.
Así, o director da División de Fabricación e Transformación Dixital, Víctor Alonso, falou sobre innovación para a automoción do futuro e do proxecto Catalyst, unha iniciativa europea liderada polo CTAG para a integración de robótica avanzada.
Pola súa banda, a responsable da área Smart Mobility do CTAG, Javier Vázquez, presentou o piloto de condución autónoma cunha lanzadeira, cento por cento eléctrico que opera xa en tempo real na UVigo. Iria Galiñanes, responsable de Manufacturación Intelixente, centrou a súa intervención no papel do xemelgo dixital para a incorporación das intelixencias artificiais na industria, e o responsable de Innovación e Impacto, Ángel Dacal, puxo o foco no impacto da robótica humanoide na industria.
A sesión concluíu con demostracións de condución autónoma e interacción cun robot humanoide, da man do director de Negocio e Operacións en Brain4Mobility, Diego Bernárdez, e da responsable da área Humanoides e IA do CTAG,.
Con este tipo de actividades, Telefónica aposta por converterse “na mellor vía de acceso ás tecnoloxías dixitais, ofrecendo a mellor rede para acceder á tecnoloxía máis innovadora e reafirmando o seu compromiso co talento novo para responder os retos reais do sector empresarial”.
