
WhatsApp anunciou a incorporación das mensaxes programadas, unha das funcións máis solicitadas polos usuarios (e dispoñible en probas dende hai bastantes semanas), que permite redactar unha mensaxe e escoller o momento exacto no que debe chegar ao seu destinatario.
A nova característica permite programar envíos tanto en conversas individuais como en grupos. O prazo poderá oscilar entre os 10 minutos e os 14 días posteriores á creación da mensaxe, unha opción especialmente útil para felicitar aniversarios á medianoite, lembrar compromisos ou enviar unha mensaxe de ánimo antes dun exame sen ter que estar pendente do teléfono.
O funcionamento será sinxelo: abondará con manter premido o botón de envío para acceder á opción de programación e seleccionar a data e a hora desexadas. O destinatario recibirá a mensaxe como calquera outra, sen unha presentación especial que a identifique como programada.
WhatsApp tamén permitirá consultar todas as mensaxes pendentes e eliminar aquelas que xa non se queiran enviar. Os envíos chegarán á hora establecida mesmo cando o teléfono do remitente estea apagado ou se quede sen batería, xa que non dependerán de que o dispositivo permaneza conectado.
A función admite mensaxes de texto, fotografías e vídeos. WhatsApp asegura que estes envíos manterán o cifrado de extremo a extremo habitual nas conversas privadas, polo que nin terceiros nin a propia plataforma poderán acceder ao seu contido.
Aínda que a prestación inicia a súa despregadura xeral hoxe e moitos usuarios xa teñen a funcionalidade dispoñible dende hai tempo, algúns usuarios poden tardar días en recibila.

